A Xunta de Galicia activa a segunda edición do Concurso de Ideas Industria 4.0

A Consellería de Economía, Emprego e Industria puxo en marcha a convocatoria da segunda edición do Concurso de Ideas Industria 4.0, dotada con catro millóns de euros e coa que se prevé mobilizar 10 millóns en seis proxectos piloto nos que participarán arredor de medio centenar de pequenas e medianas empresas galegas.

A iniciativa prevé seleccionar, por unha parte, catro novos proxectos colectivos para implantar a fábrica intelixente en sectores estratéxicos. Estes sumaranse aos da primeira edición, que están sendo desenvolvidos por Ceaga, no ámbito da automoción; o Clúster da Madeira; Clusaga (alimentación) e Asime, no aeronáutico, e nos que están participando un total de 38 pemes, mobilizando 7,5 millóns de euros.

Como novidade desta segunda convocatoria impulsaranse ademais un proxecto temático no ámbito específico da fábrica virtual (a simulación de procesos para optimizalos) e outro no das TIC industriais, avanzando en tecnoloxías como a intelixencia artificial, o seguimento do produto, internet das cousas e análise de negocio e os modelos preditivos utilizando datos masivos (big data).

O prazo de presentación de solicitudes será de tres meses e a axuda máxima será de un millón de euros por cada un dos proxectos, incluíndo un premio de ata 25.000 euros para as entidades coordinadoras de cada unha das iniciativas seleccionadas. Escollerá os proxectos un xurado composto por representantes do Igape, da Axencia Galega de Innovación e expertos nacionais e internacionais de recoñecido prestixio.

(Fonte: Innovamás)