A Xunta dá bonos a pemes para a eficiencia enerxética

A Xunta ofrece o Bono de Enerxía Peme ás pequenas e medianas empresas para renovar os seus equipamentos e lograr un maior aforro enerxético. Este programa impulsouse o ano pasado para reactivar a economía debido á situación xerada pola Covid-19. Agora vólvese a convocar dentro do plan de choque da Xunta de Galicia para facer fronte á actual carestía dos produtos enerxéticos e a inflación.

A convocatoria, de concorrencia competitiva, estará aberta até o 14 de xullo ou ata que se esgote o crédito, que ascende a dous millóns de euros. Poden solicitar estas axudas, de tramitación electrónica, empresarios e autónomos con actividades de comercio, hostalaría, artístico-recreativa e outras. O Bono Enerxía Peme cobre o 80 por cento do custo da actuación até un máximo de 6.000 euros por cada solicitude que se presente a esta convocatoria de axudas da Xunta.

A través desta subvención, apóiase a instalación de toldos ou láminas de control solar ou térmico brancas ou negras, a renovación de equipamentos de iluminación interior ou exterior, incluídos rótulos, por outros led; instalacións eléctricas, cafeteiras, lavalouzas, lavadoras, secadoras, climatización, ventilación e auga quente e sistemas domóticos para a xestión da enerxía.

Fonte: El Progreso