A Xunta, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), o Igape e XesGalicia, dependentes da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, convoca dúas novas edicións da aceleradora do sector aeronáutico BFAero, cun investimento total que poderá alcanzar os 7,2 millóns de euros e que pretende apoiar a 25 empresas deste ámbito.
Segundo o Executivo autonómico, o obxectivo desta convocatoria é fortalecer o posicionamento internacional das empresas participantes e promover a creación, aceleración e consolidación de pemes innovadoras na cadea de valor do aeroespacial de Galicia para que capten, atraian e reteñan talento e á súa vez contribúan a xerar pegada industrial e a incrementar a proxección internacional deste sector.
A fase de incubación durará 12 meses e está dirixida a proxectos de emprendemento do sector aeroespacial que poden provir de universidades, empresas independentes ou de escisións de empresas. Nela entrarán aquelas entidades que se atopan entre o nacemento da idea e a validación do modelo de negocio. Pola súa parte, a fase de aceleración, de oito meses de duración, será para empresas xa existentes con «alta capacidade de crecemento validado» e un determinado volume de facturación. Así mesmo, a Xunta advertiu de que «en ningún caso» se financiarán proxectos que non cren ou comprometan a creación dunha empresa ou centro de traballo en Galicia durante o período de incubación.
Como novidade, a convocatoria deste 2022-2023 establece unha nova fase de consolidación de catro meses de duración destinada a empresas galegas da industria aeroespacial cunha antigüidade máxima de até sete anos e con alta capacidade de crecemento, que teñan un produto xa definido e vendas reais, segundo informa a Vicepresidencia. A Administración autonómica prevé que se realicen dúas convocatorias. A primeira, entre abril e xuño de 2022; a segunda, entre maio e xuño de 2023.
Fonte: Diario de Pontevedra