A convocatoria, cuxo prazo para presentar solicitudes finalizará o próximo 22 de agosto, suma 5 millóns de euros en apoios públicos da Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), un presuposto que permitirá mobilizar investimentos por valor de 17 millóns e xerar 90 empregos cualificados.
Con esta edición, a Xunta espera conseguir un total de 25 Unidades Mixtas. Deste xeito, o programa supón un investimento público-privado de 87 millóns de euros, impulsando a xeración de 360 empregos cualificados. As unidades mixtas activadas ata agora están a permitir aos investigadores e tecnólogos galegos de universidades e centros tecnolóxicos colaborar con empresas líderes nos seus sectores, como Gas Natural, Repsol, Everis, PSA Peugeot-Citroën, Coren, Roche Farma e Navantia.
A principal novidade desta convocatoria de Unidades Mixtas é que se prestará unha especial atención a aqueles proxectos nos que participen pemes, co obxecto de reforzar a competitividade do tecido galego de pequenas e medianas empresas. Ademais, no marco das prioridades da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3), estas unidades teñen como reto fundamental incrementar a competitividade das industrias con máis peso na economía galega. Neste sentido, a maior parte dos proxectos aprobados dende 2014 correspóndense con sectores estratéxicos como a automoción, o naval ou a alimentación.
A convocatoria está aberta aos centros tecnolóxicos, universidades, fundacións de investigación sanitaria e centros galegos do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) que acrediten captar o interese de empresas para desenvolver conxuntamente proxectos de innovación, co compromiso de manter a unidade un mínimo de tres anos. O resultado debe ser unha unidade mixta de I+D+i con entidade física propia, persoal da empresa destinado nas súas dependencias e un presuposto mínimo de 2 millóns de euros. O centro e a empresa participarán de xeito conxunto dos resultados, polo que as unidades activarán a posta en valor e este coñecemento no mercado.
(Fonte: Xunta de Galicia)