O Consello da Xunta aprobou un convenio de colaboración entre a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación –a través do Igape–, a Asociación de Xoves Empresarios de Ourense (AJE Ourense) e o Parque Tecnolóxico de Galicia – Tecnópole, para a posta en marcha dun polígono virtual que ofrecerá a pemes e autónomos galegos distintos servizos dixitais para a xestión e a relación con clientes e provedores, así como servizos en liña de asesoramento profesional no ámbito legal e administrativo.
O acordo, que conta cun orzamento de 175.220 euros, dos que o Igape achega 115.100 euros (66%), permitirá ofertar servizos de alto valor engadido no eido da dixitalización a un máximo de 300 beneficiarios, na procura de dar resposta á necesidade do sector empresarial galego de adaptarse e construír empresas dixitalmente competitivas.
Neste sentido, cómpre destacar que a dixitalización pode aumentar ata un 20% a competitividade de autónomos e pemes, e que a aparición da covid-19 puxo de manifesto a necesidade de dixitalización das empresas, un eido no que a Xunta está a facilitarlle ao tecido empresarial recursos e coñecementos para a implantación de servizos dixitais.
Así, o novo polígono virtual, que estará localizado en Tecnópole (San Cibrao das Viñas), ofrecerá ás empresas distintos produtos de dixitalización como a creación dunha plataforma dixital, un servizo de hosting e dominio adaptados a cada un dos usuarios desta iniciativa en función das súas necesidades, ou a creación dun espazo de traballo para profesionais no que dispoñan dun conxunto de solucións cloud.
A esta oferta engádense os servizos de asesoramento e a posta en marcha doutras actuacións complementarias como o deseño e produción de elementos gráficos para a execución de campañas comunicativas, o rexistro da marca ou a elaboración de estratexias de comunicación en distintos canais.
Deste xeito, a Xunta de Galicia, a través da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, segue a consolidar a súa aposta pola dixitalización do tecido empresarial galego como un dos eixos prioritarios de actuación dentro da política económica do Goberno galego de cara a mellorar a súa competitividade e acadar o crecemento económico. Entre as liñas máis destacadas en materia de dixitalización están o programa de axudas á dixitalización Industria 4.0, o Cheque Dixital ou o programa Galicia Exporta Dixital. Iniciativas que teñen permitido apoiar, de modo conxunto, preto de 9000 proxectos cun importe de más de 37 millóns de euros ata o de agora.
Fonte: Xunta de Galicia