Os promotores do encontro de mediados deste mes queren coñecer a opinión dos representantes das empresas que xa deron o si a Rozas tanto para ser escollidas como socio tecnolóxico da Xunta como para tomar parte nos procesos de compra pública innovadora que se levarán a cabo o ano que vén.
O taller, di a Xunta, “permitirá explicar os requisitos da iniciativa, afondando nas posibilidades que ofrecen os avións non tripulados no desempeño de servizos públicos como a vixilancia forestal, o control de recursos pesqueiros ou o salvamento marítimo”. Recorda o Goberno galego que as empresas que compitan polo contrato deberán acreditar a capacidade necesaria “para investigar a aplicación dos sistemas aéreos non tripulados de uso civil a este tipo de retos”.
Publicidade
Os promotores do workshop cren que os dous días de actividade son unha ocasión “inmellorable para que as empresas e os centros de investigación galegos establezan alianzas coas candidatas a socio tecnolóxico do polo de cara a presentar as mellores ofertas”.
“As compañías -destacan dende a Xunta- disporán dun espazo expositivo no que poderán dar a coñecer os seus novos avances tecnolóxicos”. No workshop haberá tamén reunións de traballo programadas previamente “que facilitarán a achega de puntos de vista e posibilidades futuras de cooperación no desempeño deste polo industrial”.
Visita a Rozas
Os representantes das empresas farán unha viaxe a Rozas para poder coñecer os traballos que se desenvolven no Centro de Investigación Aerotransportada, cun investimento de 10 millóns de euros por parte da Xunta e tamén o Ministerio de Economía e o Instituto Nacional de Tecnoloxía Aeroespacial (INTA).
“Este centro será o núcleo dun polo que contará cun investimento público de ata 25 millóns para a contratación do socio ou socios teconolóxicos, que se encargarán de desenvolver un plan de investimentos asociado á devandita contratación, instalar centros de produción, implicar a compañías e centros galegos no proxecto e crear emprego”, sinala a Xunta. Explica tamén que o proceso concluirá a finais deste ano coa contratación do socio en cuestión. Iso porá “a comunidade en situación de competir nun mercado que se estima que alcanzará os 67.000 millóns en 2020”.
Para a Xunta, Rozas “será un referente en Europa no ámbito do desenvolvemento de tecnoloxías en avións non tripulados de uso civil”. Tamén destaca que o Goberno galego destinará outros 20 millóns de euros máis a través dunha convocatoria que se activará o próximo exercicio e que consiste na compra pública de tecnoloxías.
(Fonte: La Voz de Galicia)