A Xunta inviste 2,6 millóns de euros nunha convocatoria dunha nova liña de axudas destinada ao impulso da madeira como elemento estrutural na construción. Esta convocatoria ten un carácter de concorrencia non competitiva, polo que se irán concedendo aquelas solicitudes presentadas de forma admisible ata o esgotamento do crédito. Estas subvencións teñen como principais obxectivos loitar contra o cambio climático, fomentar a prevención e xestión forestal sustentable e activa do territorio galego, afondar en políticas de eficiencia enerxética e achegar confort, saúde e benestar a aquelas persoas que vaian habitar edificacións construídas en madeira.
Axenda da industria forestal
Estas axudas, que se enmarcan dentro dos obxectivos da Axenda de impulso da industria forestal-madeira, van destinadas tanto a pequenas e medianas empresas (pemes), incluídas as persoas autónomas, asociacións, organizacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro, como a persoas físicas. Serán subvencionables tanto a redacción de proxectos como a utilización de produtos de madeira en construción nova, rehabilitación ou reforma de edificacións, naves e establecementos de negocio que empreguen produtos de madeira como elementos estruturais, sempre que, cando menos, o 20% do orzamento de execución material do proxecto corresponda a produtos de madeira ou derivados da madeira (incluída a súa colocación).
A intensidade da subvención sitúase no 70%, pero pode incrementarse nun 10% no caso de utilizar madeira de montes galegos xestionada de forma sustentable (con certificación PEFC ou FSC) e outro 10% se se dispón da marca de garantía ‘Pino de Galicia’, co que a axuda pode mesmo acadar o noventa por cento.
Fonte: El Ideal Gallego