O Goberno galego aprobou, a través do Comité de fabricación de equipamento sanitario e de material para a protección dos traballadores fronte á Covid-19, 63 proxectos de pemes galegas que van mobilizar 12,6 millóns de euros. Coas iniciativas apoiadas ao amparo dos programas Inviste Covid e os apoios para a reorganización produtiva das pemes galegas, Galicia está a cubrir as necesidades máis urxentes de material de prevención e seguridade. Así, a comunidade ten nestes momentos unha capacidade de produción diaria de máis de 1,4 millóns de unidades de máscaras e máis de 40.000 litros de biocidas, entre outros produtos como batas (máis de 7000 unidades diarias); mamparas (máis de 3400 ao día) ou pantallas (máis de 12.000 ao día). Revestimentos desinfectantes e máquinas pulverizadoras de solución hidroalcohólica son outros dos elementos para a prevención que fabricarán pemes galegas.
Activadas no inicio da pandemia pola Vicepresidencia segunda e a Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a través do Igape, estas dúas liñas están a achegar axudas por valor de 7,5 millóns de euros, dos que 5 millóns corresponden ao Inviste Covid e 2,5 aos apoios á reorganización produtiva. O obxectivo común dos dous programas é impulsar a produción e abastecemento en Galicia de equipos de protección, debido á escaseza provocada pola rápida progresión da Covid-19 a nivel mundial, ao mesmo tempo que se promove a reactivación e redefinición das pemes galegas.
No marco do Plan de reactivación económica, ademais destas dúas liñas do Igape, a Xunta destina 14 millóns en apoiar a I+D+i nos organismos de investigación galegos na busca de medidas que apoien a súa actividade e que poidan conter a propagación da enfermidade. Así, entre outras iniciativas, púxose en marcha unha nova liña de axudas da Axencia Galega de Innovación (Gain) por 3 millóns de euros para apoiar proxectos de investigación relacionados coa Covid-19, e diferentes convenios de colaboración para promover solucións innovadoras de pemes e universidades galegas transferibles ao sector da saúde, a industria e o comercio, cun investimento público de 0,75 millóns de euros.
En colaboración co Parque Tecnolóxico de Galicia, de San Cibrao das Viñas (Ourense), o Goberno galego tamén ten en marcha a aceleradora Connect-19, especializada na comercialización de solucións fronte á Covid-19, que permitirá consolidar 20 proxectos de pemes.
Fonte: La Voz de Galicia