A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou por case 880.000 € a execución das obras das novas sendas na Medorra e Paiseo, nos concellos de Pereiro de Aguiar, San Cibrao das Viñas e Paderne de Allariz. Os traballos, adxudicados á UTE Construcciones Orega, S.L. – Coviastec, S.L., teñen o obxectivo de fomentar a mobilidade urbana e interurbana sustentable coa construción de itinerarios peonís.
As actuacións centraranse nas zonas que carecen de espazo para o tránsito de peóns, ofrecendo unha importante mellora da seguridade viaria aos veciños destes tres municipios e facilitando os seus desprazamentos a pé, á vez que se revalorizan as zonas polas que pasan. A Xunta prevé iniciar as obras este mes. Os traballos terán un prazo de execución de seis meses. O obxectivo é que os novos itinerarios poidan estar xa ao servizo dos veciños na primavera de 2023.
A intervención prevé a construción de dous itinerarios peonís na marxe esquerda da estrada O-101 que sumarán en total 2,8 km. No caso do itinerario na Medorra discorrerá polos tres concellos, e a senda do Paiseo polo concello de Paderne de Allariz. A senda da Medorra terá unha lonxitude de 2,1 km, transcorrendo na súa maior parte polo municipio de Pereiro de Aguiar. O itinerario comeza ao pasar o cruzamento co regato de Pazos e transcorre pola marxe esquerda ao longo do Parque Tecnolóxico de Galicia até chegar ao termo de Paderne. Neste treito de actuación prodúcese o cruzamento coa outra vía da Xunta, a estrada O-537, onde esta senda solaparía en execución na contorna dos parques empresariais.
As sendas terán ancho variable, cun mínimo de 2 metros, con pavimento de formigón cor terriza. Nalgúns treitos contarán con gabia revestida, e estarán separadas da estrada por diferentes elementos, segundo o tipo de sección elixida en cada treito: gabia revestida e con perfil de seguridade; franxa de vexetación máis bordo; bordo prefabricado, ou a combinación destes tres elementos. Tamén se executarán muros de sostemento do terreo no treito da Medorra, traballos de sinalización, reposición de servizos e preinstalación de iluminación pública, ademais da adecuación de tres paradas de autobús ás que se dotará de tres novas marquesiñas.
As intervencións, que suporán un investimento autonómico global de 1 M€ tendo en conta as expropiacións necesarias, contan con financiamento da Unión Europea dos fondos Feder 2014/2020 e dos fondos REACT IU.
Fonte: Xunta de Galicia