A Xunta abre unha convocatoria que permitirá a creación de sete novas Unidades Mixtas de Investigación

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a nova convocatoria do programa de Unidades Mixtas de Investigación (UMIs) que posibilitará o impulso de sete iniciativas e favorecerán a creación de 60 novos postos de traballo cualificados, de maneira que “se contribúa a que talento e ciencia saian do laboratorio e se instalen na industria”.

A iniciativa, dotada dun presuposto de cinco millóns de euros, permitirá mobilizar 17 millóns. Para cada proposta só se poderá presentar un organismo de investigación de Galicia e unha única empresa — dous de xeito excepcional, se son do mesmo grupo-.

Así mesmo, entre os criterios de valoración terase en conta a calidade científico-técnica das propostas, a súa consonancia cos retos contidos na “Estratexia de especialización intelixente de Galicia” (RIS3), a avaliación dos integrantes ou os impactos tecnolóxicos e socioeconómicos, entre outros.

Como novidade dentro desta liña de avaliación, valorarase especialmente o tratamento que a proposta faga” pola igualdade de xénero” e, “en caso de empate, decidirase en favor da que teña implantado un plan de igualdade”.

Deste modo, o Goberno galego apuntou que a convocatoria se une á de consolidación, aberta o pasado mes, coa que espera chegar a cinco das UMIs creadas ao amparo das convocatorias dos anos 2014 e 2015, cunha dotación de 3 millóns de euros. Así, mobilizaranse preto de 10 millóns e permitirán crear ou manter 40 postos de traballo.

Esta iniciativa, coa quinta edición deste ano sumada ás outras catro anteriores, permitirá apoiar 42 proxectos -33 de nova creación e nove de consolidación, principalmente de sectores como a automoción, alimentación, naval e saúde ou enerxía-.

Estes traballos mobilizarán 121 millóns de euros, cos que se crearán ou manterán 550 postos de traballo cualificados, para “favorecer o avance na implantación en Galicia dun novo modelo industrial que achegue emprego de calidade, crecemento económico e unha maior competitividade”.

(Fonte: Innovamás)