A visión de superheroe sería posible grazas a unhas innovadoras lentes de contacto

Todos pensamos nalgún momento no divertido que sería erguerse unha mañá e ter os poderes de Superman ou as habilidades de Legolas. Agora sen necesidade de horas de adestramentos, nin de provir doutros mundos, é posible ter polo menos unha destas habilidades. A “super visión” sería posible grazas a unhas lentes de contacto que fan que o noso ollo sexa capaz de enfocar case 3 veces máis lonxe e ver mellor de preto.

Estas lentes de contacto que usan tecnoloxía empregada polo exército estadounidense para as cámaras dos drones, funcionan cun sistema de espellos capaces de recoller 2,8 veces máis luz da que chega ao noso ollo de forma natural. Toda esta luz é redirixida á súa vez cara ao centro da lente de contacto, incrementando notablemente a nosa visión natural.

O motivo polo que ao recibir máis luz se é capaz de ver maior distancia é simple. O ollo humano funciona como unha cámara de fotos, se facedes a proba co voso smartphone, en espazos pouco luminosos, a profundidade do espazo é menor e máis difusa. Mentres que en imaxes tomadas en exteriores (con máis luz) a profundidade é maior e sodes capaces de distinguir obxectos a maior distancia.

Aínda que poder ter a visión de Legolas ou Superman é realmente emocionante, a verdadeira vantaxe destas lentes de contacto é a de corrixir defectos na visión. De maneira que con esta posibilidade, a maioría das persoas maiores que sofren dexeneración macular, poderán continuar vendo perfectamente con estas lentes de contacto.

Na actualidade existen métodos moi avanzados de láser, pero polo xeral son cirurxías moi agresivas co paciente. Ademais, non sempre se alcanzan os resultados esperados e teñen que repetirse co tempo. Con estas lentes de contacto non sería necesario ningún tipo de cirurxía.

Este avance foi presentado na conferencia anual da asociación americana de avances científicos (AAAS), de momento é un prototipo e non ten ningunha data prevista para o seu lanzamento. Aínda así, estas lentes de contacto xa permiten ser controladas chiscando un ollo ou pestanexando varias veces, polo que é posible que as atopemos na nosa óptica de confianza en menos tempo do que pensamos.

(Fonte: Europa Press)