A viguesa Kendra deseña unha app de realidade aumentada para novos procesos nas fábricas que está nos primeiros postos de descargas

A realidade aumentada, virtual e mixta ofrecen á industria un enorme abano de posibilidades, cuxa aplicación en Galicia é aínda incipiente. E neste campo acaban de aparecer tres enxeñeiros de Vigo, fundadores de Kendra, que deseñaron un videoxogo para “evanxelizar” á parroquia empresarial. Aquela aplicación, Fold the Flock, foi seleccionada por Apple e permite xa o modo multixogador. “Estamos moi orgullosos do que conseguimos”.

É unha empresa de tres coa imaxinación dun batallón. Un ramallete de inquietudes no corpo -ou a cabeza, máis ben- de Javier Davila, Pablo Costas e Diego Asorey, que estaban “encadrados” no seu anterior emprego e un día decidiron fabricarse outro. E, con apenas un ano de traxectoria, recibiron xa a lombeirada de Apple e aspiran a que a industria galega explore e implante as “infinitas posibilidades” da realidade aumentada ou a realidade virtual. Chámanse Kendra.

“O Noso labor agora é evanxelizar, mostrar o que se pode conseguir, aínda que de momento temos máis recoñecemento fóra”, resume Asorey, experto en aplicacións móbiles. Deseñaron un videoxogo para ensinar aos empresarios que é e para que lles podería servir esta nova tecnoloxía, e resultou que Fold the Flock -como o chamaron- foi un éxito. “Estamos moi orgullosos do que fixemos ata agora”. O xogo móvese polos primeiros postos na tenda de aplicacións de Apple (App Store), por se o queren probar.

Descrito pola multinacional norteamericana como “hilarante”, en esencia mostra “como colocar un elemento tridimensional” virtual dentro dun espazo real “e interactuar con el”. “Serviunos para poder ir a unha compañía e ensinar o que estabamos a facer. Que é un videoxogo, pero tamén unha forma de aprender e de demostrar do que somos capaces”, defende Davila, o conselleiro delegado (CEO).

Convidados por Apple

Subiron Fold the Flock á App Store “sen demasiadas aspiracións” o pasado xuño. Un mes despois recibiron un convite de Apple España para participar nun evento de desenvolvedores, man a man con xigantes como a tamén galega Inditex, LaLiga, Fintonic (aplicación de finanzas persoais para xestionar o aforro) ou Mediaset. O simposio foi un revulsivo porque, explican, pedíuselles que o seu videoxogo incluíse experiencias compartidas, a modo multixogador. “Fixémolo. Sen durmir pero fixémolo”. Ningunha outra empresa española, afirman, estivo na portada de aplicacións de realidade aumentada da App Store. Fold the Flock foi seleccionado o pasado outubro como a mellor App galega.

Pero o videoxogo foi concibido para abrir camiño, para ter algo que mostrar. “Queremos que as empresas vexan que estas tecnoloxías teñen un retorno e que teñen moitísimo potencial”. Por exemplo, menciona Costas -a referencia na empresa en servidores e backend-, en ámbitos como a formación ou os procesos de produción. “É moito máis sinxelo asimilar conceptos se os podes ver ou participar neles nun ámbito controlado”. O mesmo para a asistencia remota de maquinaria complexa. “Imaxina que se para unha máquina nunha fábrica. “Pódese parar a produción ata que un técnico viaxe ata alí, e ás veces é un problema sinxelo. A realidade aumentada -expón Asorey- permitiría a ese técnico dar as indicacións”, e cunha referencia visual. Como se estivese ao noso lado.

A nivel de custos Kendra optou por ofrecer uns servizos “cunha barreira tecnolóxica nula”. “Non queremos que se necesiten aparatos moi avanzados ou caros, que sirva un móbil de hai uns anos”. Porque tamén era unha petición das empresas, remisas -de momento- a grandes investimentos deste tipo. “Os propios directivos explícannos en que campos ou para que utilidades” lles encaixarían aplicacións de realidade aumentada, virtual e mixta. E Kendra ofrécese -aínda que pasen outra tempada sen durmir- a facela realidade.

(Fonte: Faro de Vigo)