A vacina galega contra a tuberculose é eficaz en adultos e ofrece maior protección que a actual

A Covid-19 matou a 1.800.000 persoas en todo o mundo desde que xurdiu hai pouco máis dun ano. Pero existen outras enfermidades infecciosas igual ou máis mortíferas ás que o novo coronavirus ensombreceu por completo, a pesar de que seguen cobrándose a súa débeda diaria de mortes. É o caso da tuberculose, responsable da perda de 1,4 millóns de vidas ao ano e sen que, a diferenza do que agora ocorre co SARS-CoV-2, exista unha vacina realmente eficaz. A única opción para tratar a millóns de persoas en todo o planeta é a BCG, da que este ano se cumprirá un século desde a súa primeira administración a humanos. O seu uso continúa a ser vital porque non hai outra, aínda que a protección que ofrece é moi limitada e practicamente inexistente en adultos e adolescentes. Agora mesmo, a maior esperanza para substituíla coas maiores garantías está a xestarse en Galicia. É a MTBVAC, deseñada pola Universidade de Zaragoza e que está a desenvolver o seu socio industrial Biofabri, do grupo Zendal, na súa planta do Porriño.

Neste longo proceso os dous socios alcanzaron un novo fito que moi probablemente marque un antes e un despois no desenvolvemento dunha vacina realmente viable contra a enfermidade respiratoria: demostrouse por primeira vez que ofrece unha maior protección que a actual BCG. E fíxose en individuos adultos, o que nunca até agora se conseguira. Comprobouse nun modelo de tuberculose respiratoria en macacos Rhesus aos que se infectou coa bacteria Mycobacterium tuberculosis, o único xeito de probalo, xa que en humanos non se pode facer. É máis eficaz contra a forma natural de infección e mesmo contra a diseminación da enfermidade por aerosois. Os resultados publicáronse na revista científica NPJ-Vaccines, do grupo Nature.

«Todos os datos que analizamos revelan que MTBVAC é significativamente mellor que a vacina actual e que os individuos que a recoñecen si están protexidos. Os resultados son espectaculares», asegura Carlos Martín, cuxo grupo de Xenética de Micobacterias da Universidade de Zaragoza leva vinte anos traballando nunha proposta que no seu momento foi rompedora: utilizar para inmunizar aos pacientes unha forma atenuada do patóxeno Micobacterium tuberculosis illado en humanos. Tanto a clásica BCG como o resto de candidatos empregan o bacilo illado dunha vaca.

Demostrar unha maior eficacia que a vacina convencional é un paso decisivo en si mesmo, pero o traballo achega outra información igual de relevante. Por primeira vez puidéronse determinar os patróns inmunolóxicos que confiren protección contra o patóxeno, o que tamén marcará o camiño para calquera outra terapia que se desenvolva. E o que é máis importante aínda, os indicadores descritos en macacos puidéronse correlacionar despois cos observados en humanos nos ensaios clínicos que se están ra ealizar en fase 2A, tanto en bebés como en adultos. «O que queriamos ver é que os parámetros inmunolóxicos que se desenvolven en humanos tras a vacina eran equiparables aos dos monos cando os vacinas e están protexidos. E é o que comprobamos», explica Esteban Rodríguez, o CEO de Biofabri, quen, do mesmo xeito que Carlos Martín, resalta que «este traballo ten unha enorme importancia».

Fonte: La Voz de Galicia