A misión biolóxica máis pequena desenvolta até o momento no espazo avanza a bo ritmo en varios laboratorios tecnolóxicos e científicos dos campus de Vigo e Ourense. A asociación estudantil UVigo SpaceLab ultima, co asesoramento da ESA, o terceiro prototipo do nanosatélite BIXO, que será lanzado desde China en 2024 cun experimento latente a bordo.
O CubeSat 2U, cunhas dimensións de 20x10x10 centímetros, será o quinto da institución e conterá un laboratorio en miniatura para estudar o efecto da radiación acumulada e da microgravedade en colonias de bacterias que se activarán despois de nove meses en órbita, o tempo que se tardaría en chegar desde a Terra a Marte. O grupo de NanoBioMateriais Funcionais (FunNanoBio) asesora no deseño do experimento aos estudantes, que no último medio ano conseguiron o apoio da Federación Internacional de Astronáutica (IAF) e de varias institucións chinesas para lanzar o satélite, así como seren seleccionados polo programa Fly Your Satellite! da Axencia Espacial Europea.
O esforzo do equipo xa deu lugar a tres artigos científicos sobre o subsistema estrutural do satélite, a antena de banda S e a parte de microfluídica. O programa da ESA rematará na primavera de 2024 e o equipo renegocia actualmente, a través da IAF, os acordos sobre o lanzamento desde China para adaptarse ás últimas novidades en lexislación aeroespacial.
Fonte: Faro de Vigo