O prestixioso ranquin de Shanghai deu a coñecer unha clasificación das mellores universidades do mundo en 54 materias ou ámbitos. Nela, a Universidade de Vigo (UVigo) sitúase entre as institucións académicas de referencia en 12 categorías, destacando a posición que ocupa nos ámbitos de Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos, entre as 75 mellores do mundo, e nas 100 primeiras en Oceanografía.
Así mesmo, a clasificación colócaa entre as 200 mellores en Enxeñaría de Telecomunicación, entre as 300 primeiras en Xestión Turística, e entre as 500 en Ciencias da Terra, Ecoloxía, Ciencias Atmosféricas, Enxeñaría Eléctrica e Electrónica, Enxeñaría Química, Ciencias e Enxeñaría da Enerxía, Biotecnoloxía e Ciencias Agrícolas.
“A presenza da UVigo no ranquin en posicións nalgún caso relevantes é moi positiva, tendo en conta que somos unha universidade nova e cun financiamento modesto”, salienta a vicerreitora de Investigación, Belén Rubio, respecto da posición da institución neste ránking, que dá mostra “do gran potencial do noso persoal investigador e o éxito da confluencia nos centros de investigación”.
Elaborado a partires dunha serie de indicadores que miden “a calidade da investigación, a extensión da colaboración internacional, a investigación de alta calidade e os recoñecementos académicos máis elevados”, segundo explican os seus responsables, nesta clasificación están presentes máis de 1.800 universidades de 90 países.
Fonte: El Correo Gallego