A USC traballa no desenvolvemento de tres vacinas contra a covid-19, dúas delas a partir de proxectos propios. Grupos como o dirixido por José Manuel Martínez Costas promoven, ademais, tecnoloxía específica, que recibiu apoio da Comisión Europea e que vai probarse en Alemaña e os Países Baixos, segundo explicou Tomás Pouse, investigador deste grupo. A base desta vacina é a modificación de proteínas, con enfoque de inmunoterapia, e o seu resultado en probas realizadas en animais para outras doenzas obtivo un 100 % de protección, polo que teñen esperanzas de desenvolver tamén con éxito unha inmunización para a covid-19, para a que utilizan a proteína maioritaria na membrana do virus, explicou Pose.
Outra das vacinas é a do grupo de Javier Montenegro, cunha tecnoloxía semellante á de Pfizer. Confían en ter avances dos experimentos en curso dentro de tres meses. Este grupo e o de María José Alonso colaboraron ademais co de Mabel Loza.
«Estamos ao final», explicou Alonso sobre a vacina na que colabora, nun traballo consorciado co Clínico e a Universidade de Barcelona, entre outras entidades, que confían en que prospere «nun mes». Relacionou este logro con 30 anos de traxectoria que lle permitiron ser unha referencia internacional no desenvolvemento de nanopartículas para transportar antíxenos e material xenético. Para lograr a vacina, que esperan que sexa un novo éxito, partiron de máis de 150 prototipos.
Pola súa parte, Ángel Carracedo explicou o seu traballo con marcadores xenéticos para coñecer as diferentes respostas das persoas aos fármacos. Traballan para avanzar contra a covid con 20.000 mostras de persoas, e analizan un millón de marcadores xenéticos de cada unha, nun proxecto de grande envergadura internacional que el coordina e no que participan os centros nacionais de xenotipado de Santiago e Madrid.
Fonte: La Voz de Galicia