Das 147 ideas aceptadas nesta edición, o 49% foron presentadas por mulleres e o 51% por homes, na súa maior parte estudantes. Por áreas de coñecemento, destaca a de ciencias xurídicas e sociais, que agrupa o 50% das ideas presentadas, seguida polas ensinanzas técnicas co 18%, as ciencias experimentais e da saúde cun 12% e finalmente ciencias humanas cun 8%.
Corrector para astigmatismo
Eva Acosta Plaza e Justo Arines Piferrer, de Óptica e Optometría, observaron que os oculares actuais permiten a corrección da miopía ou hipermetropía pero non do astigmatismo, de maneira que aqueles usuarios con esta doenza se ven no deber de usar os seus lentes e perder campo visual e confort ou ver borroso a través do ocular. Por esa razón propoñen un sistema sinxelo que permite a corrección de astigmatismos de diversa magnitude e eixe, de forma que os astigmatas poderían observar polos oculares de SOL4OpticS sen os seus lentes.
Secado de sangue
Os matadoiros e as industrias cárnicas en xeral xeran durante a súa actividade unha gran cantidade de sangue, un residuo catalogado de perigoso que pode provocar importantes focos de infección. Se ben a maior parte do sector contratou un servizo de xestión de residuos, o equipo de José Manuel Magide Ameijide e Hiram Varela Rodríguez, da EPS de Lugo, atopou un xeito de revalorizar o sangue in situ nas propias industrias a través dun tratamento de secado que garante a súa esterilidade e facilita a súa conservación. Unha vez feita fariña deixa de ser un residuo e presenta diversas opcións de comercialización.
Solucións acuapónicas
Greenaquaculture é o nome da idea do equipo formado por Silvia Calaza Mosquera, Cristina Balagones Domínguez e Gregorio Rivadeneira Torres, baseado en ofrecer un servizo de depuración-reutilización de augas residuais procedentes da acuicultura a través de sistemas de cultivo integrado de animais acuáticos e plantas (acuaponía), nos que as bacterias nitrificantes transforman o amonio excretado polos animais, facéndoo asimilable para as plantas que filtran a auga. As promotoras traballan tamén na fabricación de kits acuapónicos para uso doméstico e didáctico como un xeito máis de promover a sustentabilidade ambiental.
Creativity Loading, xogo creativo
As psicólogas educativas Noelia Villaverde Desbroces e Sara Vidal Núñez idearon Creativity Loading, unha ferramenta para o fomento da creatividade fóra do contexto escolar. Trátase dun xogo de mesa que busca converter o pensamento creativo nun hábito fomentando a fluidez de ideas, a flexibilidade de pensamento, a asociación de ideas e a apertura da mente para interpretar puntos de vista diferentes. Os xogadores e xogadoras deberán resolver distintas probas deseñadas para que inciten respostas orixinais e novas de forma que nin se falla nin se acerta, senón que se premia o maior número de ideas.
Memmory assistant
O estudante da ETSE Ángel Rodríguez Cerdeira propón un asistente persoal de persoas con problemas de memoria co propósito de facilitarlles o día a día. Este asistente estaría integrado nun smartwatch e encargaríase de proporcionarlle ao usuario recordatorios sobre as cousas que ten que facer como, por exemplo, tomar os medicamentos ou indicar o camiño de volta a casa.
(Fonte: Innovamás)