A USC e Larsa crean un premio para produtos alimentarios innovadores

A Universidade de Santiago e a empresa Larsa acaban de poñer en marcha a primeira edición dos premios innovación á alimentación saudable “Impulsando Galicia”. Este concurso está asociado ao desenvolvemento de novos produtos ou tecnoloxías no sector alimentario, tanto dende o punto de venda, no proceso, nos ingredientes ou na propia gandería.

Os premios foron presentados na planta de Larsa polo reitor da USC, Juan Viaño, e polo director xeral de Capsa, Armando Tellado, en presenza da directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey.

Ademais da dotación económica -3000 euros para o primeiro premio, 2000 para o segundo e 1000 para o terceiro-, as bases tamén contemplan o acompañamento da industria no desenvolvemento e unha participación nos beneficios xerados polo proxecto se se leva a cabo a comercialización do produto. Segundo explicou Tellado, se a idea sae adiante Larsa compartirá co seu autor un beneficio neto do 20% nos dous primeiros anos.

O prazo de presentación de propostas empeza o 1 de maio e conclúe o 2 de xullo. O certame está aberto a estudantes universitarios, titulados, novos emprendedores e sociedades mercantís, entre outros.

O xurado, do que formarán parte dous profesores da USC valorará non só a orixinalidade do proxecto, senón tamén a súa viabilidade, o grao de innovación, a contribución á mellora da saúde. Este é un dos puntos nos que o grupo Capsa, ao que pertence Larsa, está a facer traballando activamente, co obxectivo para este ano de conseguir a finais deste ano o 100% da produción da marca Asturiana sen aditivos artificiais. Armando Tellado recoñeceu que estaban tamén traballando noutros aspectos como a redución da cantidade de azucre nos iogures.

(Fonte: La Voz de Galicia)