A USC e a UDC vólcanse na investigación contra o coronavirus

Nos meses da pandemia, as universidades galegas puxeron en marcha máis de 150 propostas de investigación na procura de solucións contra o coronavirus, e a maioría delas seguirán desenvolvéndose no curso 2020-21. As universidades, as facultades, os centros de investigación e os departamentos universitarios envorcáronse ante un desafío que ameaza o modo de vida da sociedade na que se desenvolve a comunidade científica.

Por tratarse dunha ameaza sanitaria, loxicamente as áreas da saúde son as máis involucradas. Pero non só: a estatística, a computación, a xeografía, a tecnoloxía, a psicoloxía, a educación… non houbo campo de investigación que permanecese alleo ás ameazas da covid-19.

O modelo matemático desenvolto na Universidade de Santiago, en colaboración coa de Aveiro, para predicir a propagación do virus, viuse reforzado con outro proxecto desenvolto na Universidade da Coruña, liderado polo profesor de Informática José A. Vilar e polo catedrático de Estatística Ricardo Cao -á fronte do comité de matemáticos que asesorou ao Goberno sobre a pandemia- para crear ferramentas que permitisen anticiparse á súa evolución.

Científicos na vangarda

A USC xogaba con vantaxe no campo da investigación médica e a biotecnoloxía, por iso é polo que tanto o Ciqus (Centro singular de investigación en química biolóxica e materiais moleculares) como o Cimus (Centro de investigación en medicamento molecular e enfermidades crónicas) destacasen na procura dunha vacina que poña fin á crise sanitaria. Á fronte, científicos dabondo recoñecidos como María José Alonso, Mabel Loza, Jesús Rodríguez Requena, J. M. Castro Tubío ou José Martínez Costa, que lograron, para os seus estudos, o financiamento do Instituto Carlos III e doutros organismos internacionais que buscan o ansiado antídoto.

O achado de fármacos eficaces centrou tamén os esforzos da comunidade científica, con valiosos traballos como o dun grupo de investigadores da UDC que crearon unha ferramenta web na que se recollen medicamentos xa utilizados para outras patoloxías que poden ser útiles tamén para paliar os efectos do coronavirus.

Nas probas diagnósticas e na procura da vacina ten tamén un papel primordial o Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS), con José Castillo á fronte. O rastrexo do virus nas augas residuais deu lugar a un proxecto de ámbito estatal ao que se sumaron investigadores das tres universidades galegas, como Jesús López Romalde, David Polo, Germán Bou ou Margarita Poza Domínguez.

Fonte: La Voz de Galicia