A Universidade impulsa unha cátedra para a investigación dos drons

A Universidade da Coruña e o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) crean a Cátedra ITG-CITIC en Tecnoloxías de Aeronaves non Tripuladas para colaborar en proxectos de investigación relacionados con drons, segundo informou a institución académica. O reitor, Julio Abalde, e o director xeral do ITG, Carlos Calvo, subscribiron o convenio de colaboración no que se establece que o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e Comunicacións e o ITG traballarán tamén noutros aspectos como a xeración de prácticas curriculares de alumnado da Universidade da Coruña na empresa.

O profesor da Facultade de Informática e investigador do CITIC, Marcos Ortega, dirixirá esta Cátedra. Ortega é profesor titular da área de Ciencia da Computación e Intelixencia Artificial da Universidade da Coruña. Esta Cátedra está enfocada, segundo explica Ortega, “cara ao posicionamento conxunto entre a Universidade e o ITG como referentes no desenvolvemento de tecnoloxía en materia de aeronaves non tripuladas”.

Así mesmo, establece un marco de traballo onde as diferentes áreas de investigación do CITIC de interese neste campo, como son a visión artificial, sensórica ou xeolocalización, entre outras, poidan realizar as súas investigacións en consonancia coa demanda das necesidades reais do sector en colaboración co ITG. Ademais, fomentarase o coñecemento deste eido entre o alumnado da universidade, tanto de grao como de posgrao, para impulsalos cara a unha especialización e profesionalización no sector dos drons.

Fonte: El Ideal Gallego