A industria téxtil é unha das máis contaminantes en todo o mundo polo seu elevado consumo de auga e, entre outros compostos, polos colorantes das súas verteduras residuais. O grupo de Procesos de Separación Avanzada, do departamento de Enxeñaría Química da UVigo, traballa en novos procesos que permitan ás empresas recuperar e reutilizar as tinguiduras dentro dos principios da economía circular. O proxecto, financiado dentro da convocatoria nacional de Retos de Investigación, busca novos disolventes, naturais e baratos, para que sexan fáciles de implantar no sector.
“A maioría de métodos de limpeza actuais limítanse a retirar ou descompor o colorante, pero non o aproveitan. A asociación europea da industria téxtil expón a recuperación das fibras dos tecidos, pero non a das tinguiduras. Por iso pensamos que podía ser un bo camiño polo que tirar, xa que contamos con experiencia na separación por extracción. Arrincamos o ano pasado, aínda que estivemos limitados pola pandemia á hora de conseguir produtos primarios e fomos máis lentos. Aínda así, estamos a obter resultados prometedores”, celebra Ángeles Domínguez, directora do grupo e investigadora principal do proxecto xunto con Begoña González.
Os disolventes utilizados deben ser insolubles en auga, para non contaminala. E a través dun proceso de decantación, os expertos obteñen, por un lado, a auga limpa e, polo outro, o disolvente co colorante. É entón cando chega o momento máis crítico do proceso, xa que a tinguidura debe ser recuperada de forma que manteña as súas propiedades e poida seguir sendo útil á industria téxtil. E en todos estes pasos búscase xerar a menor cantidade de residuos posible.
“Se conseguimos que un disolvente funcione poderemos extrapolar os resultados”, apunta Domínguez. O seguinte paso será incorporar á auga sales minerais e outros compostos que se engaden ás pezas durante o proceso de tintado para poder achegarse o máis posible desde o laboratorio ás verteduras residuais reais da industria.
Fonte: Faro de Vigo