A Universidade de Vigo xa cultiva “ouro verde” para obter biodiésel

A factoría de "ouro verde" xa está en marcha na Facultade de Ciencias da Universidade de Vigo. Os investigadores do grupo de Jesús Torres acaban de comezar a cultivar microalgas no seu novo laboratorio dentro do proxecto europeo EnerBioAlgae que lidera Vigo para obter biodiésel e limpar zonas degradadas.

n
n

 

n

Toralla acolleu a primeira reunión do proxecto europeo EnerBioAlgae o pasado febreiro e os investigadores vigueses foron cubrindo etapas a bo ritmo. Esta mesma semana iniciaron o cultivo de microalgas de auga doce no biorreactor instalado na Facultade de Ciencias. O obxectivo é dar coa mellor cepa "made in Galicia", puntualiza o profesor Torres, que conteña unha elevada porcentaxe de lípidos para a elaboración de biodiésel.

n

 

n

A iniciativa liderada por Vigo e na que tamén participan o Instituto Enerxético de Galicia (Inega) e as universidades de Almería, Aveiro (Portugal) e Pau et deas Pays de l´Adour (Francia) persegue ademais a limpeza de augas degradadas e contempla, como conclusión final, a construción en 2012 dunha planta de cultivo de algas de tamaño microscópico nunha depuradora da nosa comunidade. De aí, que os investigadores deban conseguir a maior e mellor produción ao menor custo posible para demostrar a súa viabilidade económica. A UE, a través do Interreg, outorgoulles unha subvención de 600.000 euros.

n

 

n

O Inega debe decidir antes de que se remate este mes que depuradora é a mellor candidata para que os expertos do campus, que xa traballaron con mostras da de Gondomar e formúlanse colaborar coa de Vigo no futuro, experimenten coas súas augas. "Deben ter nutrientes, fosfatos e nitratos, pero que á vez non resulten daniños", explica Torres, responsable do Laboratorio de Teledetección e Sistemas de Información Xeográfica, que pertence ao departamento de Física aplicada.

n

 

n

As augas elixidas serán o medio de cultivo, dentro do biorreactor, dalgúns tipos de microalgas recollidos nas lagoas da área industrial de O Porriño. "Son moi profundas e delas obtivemos mostras para extraer microorganismos e comprobar cales crecían no laboratorio", explica Evangelos Spyrakos, investigador grego que realiza a súa tese en Vigo cunha bolsa Marie Curie.

n

 

n

A localización doutras zonas que, como estas charcas, sexan susceptibles de albergar unha produción masiva de microalgas constitúe outra das súas misións: "Non só buscamos extraer biomasa e depurar as augas, senón tamén a absorción de CO2. En EE UU xa se crearon sumidoiros deste tipo nas cidades e outra posibilidade serían as minas abertas abandonadas que están inundadas. En Pontevedra existen varias".

n

 

n

Os investigadores lusos de Aveiro, localidade situada nunha zona húmida próxima ao mar con moitos problemas de contaminación, tamén cultivarán microorganismos, aínda que eles utilizarán augas máis salgadas.

n

 

n

Unha vez que culminen con éxito os ensaios de crecemento no laboratorio vigués, o cultivo trasladarase a unha depuradora: "Unha das posibilidades sería a de utilizar un sistema que utiliza canles abertas e horizontais de menos de medio metro de profundidade polos que a auga corre e as microalgas reciben radiación solar".

n

 

n

En países da cunca mediterránea como Israel xa existen grandes extensións con este tipo de instalacións e tamén en Estados Unidos e Nova Zelandia.

n

 

n

Fronte a outro tipo de cultivos para a obtención de biodiésel, as microalgas, destaca Torres, "non compiten polo terreo, como as plantacións de palma, nin no ámbito da alimentación". As multinacionais enerxéticas están moi interesadas neste recurso. De feito, un representante de Repsol asistiu a un acto de presentación do proxecto celebrado o mes pasado en Santiago.

n

 

n

O equipo vigués tampouco renuncia a outras liñas de interese como a utilización destes cultivos para obter substancias presentes en medicamentos ou en tratamentos terapéuticos. Neste ámbito xa está prevista unha colaboración co catedrático José Luis Legido, que lidera un grupo especializado en peloides termais.

n

 

n

(Fonte: Faro de Vigo)

n