A Universidade de Vigo pon en órbita Humsat-D o seu segundo nanosatélite

A Universidade de Vigo puxo en órbita o pasado xoves o seu segundo satélite espacial, o Humsat-D, que foi lanzado ao espazo (integrado nun satélite nodriza) dende a base militar rusa de Yasny, a bordo do foguete Dnepr. O lanzamento foi un éxito e, ás 11.26 horas da mañá, o grupo de investigadores encargado do proxecto recibiu os primeiros sinais do nanosatélite.

n
n

nO Humsat-D é un satélite demostrador, o primeiro que pon no espazo a ONU, que pretende avaliar a viabilidade do proxecto Humsat, unha iniciativa liderada pola Universidade de Vigo, na que participan institucións académicas de varios países e que conta tamén con respaldo da Axencia Espacial Europea.
n
nEste proxecto pretende a posta en órbita dunha constelación de nanosatélites que transmitirán datos a sensores e estacións de terra, coa finalidade, entre outros obxectivos, de facilitar as comunicacións en zonas con infraestruturas precarias, principalmente en países emerxentes.
n
nO coordinador do grupo de traballo da Universidade de Vigo encargado do deseño, construción e lanzamento dos nanosatélites, Fernando Augado, explicou que, unha vez posto en órbita, o Humsat-D pasará por varias fases nas que se realizarán labores de recepción de datos, calibrado de tecnoloxía, e probas con sensores. En calquera caso, avanzou que os primeiros sinais recibidos polos investigadores evidencian que "todos os subsistemas funcionan perfectamente".
n
nSatélites comerciais
n
nO reitor vigués, Salustiano Mato, destacou que a Universidade de Vigo, "co aval da experiencia previa", está preparado para "dar o salto aos satélites comerciais" e a "proxectos de alto nivel", en busca, non só de resultados académicos ou de investigación, senón tamén económicos e de desenvolvemento social.
n
nAdemais, Mato recordou que a institución viguesa porá pronto en marcha a súa primeira 'spin off' aeroespacial e que Vigo se converteu "nun centro de coñecemento" con alto valor "xeoestratéxico".
n
n"Xa temos dous satélites en órbita e operativos, calquera empresa ou organismo pode confiar en nós para o desenvolvemento dun satélite comercial", apuntou Vilán, quen lamentou que estes proxectos pioneiros están a atopar máis apoio e recoñecemento "fóra", que polas propias administracións e organismos galegos e españois. "Esperamos que isto sirva para que nos aprecien máis", sinalou.
n
nTerceiro satélite
n
nPor outra banda, tanto o reitor como o vicerreitor confirmaron que se atopan avanzados os preparativos para lanzar, a mediados do 2014, o terceiro nanosatélite con firma viguesa, o Femtoxat, unha unidade máis pequena e económica que será un "repetidor da constelación Humsat".
n
nOs primeiros prototipos xa foron construídos e o grupo liderado por Fernando Augado deseñou xa a estrutura definitiva dese novo satélite, que está sendo sintetizada en Valencia.
n
nHumsat-D
n
nO Humsat-D ten unhas dimensións de 10 x 10 x 10 centímetros e uns 850 gramos de peso. A súa vida útil garantida é dun ano, aínda que pode orbitar durante moito máis tempo e seguir transmitindo con eficacia, ata que volva reingresar na atmosfera (dentro de 20 ou 25 anos).
n
nEste satélite, cuxo presuposto foi duns 600.000 euros, percorrerá unha órbita circular constante a unha altura duns 700 quilómetros da Terra. Os datos que emite son recibidos e analizados polo grupo de traballo coordinado por Fernando Augado na Escola de Enxeñería de Telecomunicación.
n
nA agrupación aeroespacial da Universidade de Vigo está formada por 60 doutores profesores, 70 estudantes graduados no campo aeroespacial e 15 enxeñeiros.
n
n(Fonte: Universidade de Vigo)

n