A Universidade de Santiago impulsa unha vacina anti-COVID que se conserva sen frío

A investigación do equipo da catedrática da Universidade de Santiago de Compostela María José Alonso para atopar unha nova vacina contra o COVID-19 avanza á espera de ter resultados en ratos. “A nosa finalidade é conseguir unha vacina óptima que sexa estable para que tamén poida ser accesible aos países en vías de desenvolvemento, onde as infraestruturas sanitarias son moi precarias e resulta moi complexo manter a cadea de frío”, sinala a investigadora.

O fin é que a vacina se poida conservar a temperatura ambiente, que non necesite frío para almacenarse. “Ese é o noso obxectivo, pero a día de hoxe non puidemos comprobar se o conseguimos ou non”, detallou Alonso. Se a vacina de Alonso e o seu grupo na USC -que está a solicitar financiamento a través do micromecenado de Sumo Valor- consegue prescindir do frío para a súa conservación, sería “fácil” de producir e transportar o antíxeno e tamén sería doada de fabricar a grande escala, puntualiza Alonso.

Cómpre lembrar que un dos problemas dalgunhas das vacinas anti-COVID actuais é, precisamente, que necesitan manter unha cadea de frío a unha temperatura moi baixa. É o caso da de Pfizer que require un mantemento a 70 graos baixo cero. Pola súa parte, a de Moderna debe permanecer durante seis meses a -20 graos para poder gardarse durante os 30 días previos á inxección entre dúas e oito graos centígrados. Precisamente, a de AstraZeneca pode estar todo o período entre dous e oito graos.

O contido da vacina do equipo de María José Alonso é de ARN mensaxeiro, do mesmo xeito que a de Pfizer e Moderna. As tres están baseadas en nanotecnoloxía farmacéutica. As partículas minúsculas conteñen ARN (ácido ribonucleico) mensaxeiro. Ao ser inxectadas, diríxense ao interior das células transferindo a información xenética de maneira que o organismo humano produce o antíxeno que dará pé á resposta inmune. Esta será a que nos defenderá fronte á enfermidade.

Cos ensaios con animais, coñecerán se a resposta é potente. Se así fóra, daríase o seguinte paso, realizar a toxicoloxía preclínica regulatoria para conseguir a aprobación da Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios. Contan co apoio de Hipra, unha compañía radicada en Cataluña e especializada na investigación en animais que dará agora o salto cara á saúde humana. Esta firma será a encargada de fabricar a vacina nos seus laboratorios.

O proxecto da vacina ARN da Universidade de Santiago -que non é a única contra a COVID que se desenvolve na institución compostelá- precisa de inxección económica para avanzar. Por iso, forma parte do programa de micromecenado Sumo Valor da USC. As persoas interesadas poden achegar unha contía entrando na web https://www.usc.gal/gl/micromecenado.

Fonte: La Opinión