O dispositivo, creado pola Área Tecnolóxica Sistemas de Comunicacións sen fíos do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) pode ser controlado remotamente dende un móbil, tablet ou PC.
Entre outras aplicacións, permite cortar automaticamente a subministración de corrente a aparatos que provoquen un sobre-consumo, o cal evita que se produzan danos graves no propio aparato e ademais, prevén que se produzan incendios.
Segundo Tiago Fernández Caramés, investigador do CITIC responsable do proxecto: “este enchufe intelixente non só ten entre as súas vantaxes a seguridade que achega; tamén favorece o aforro enerxético e a eficiencia xa que controla o seu consumo e no caso que se detecte un comportamento anómalo, lanza alertas a través de distintos medios como alarmas sonoras, envío de SMS ou email”.
O aparato ofrece vantaxes adicionais como a programación personalizada de cada usuario, co fin de configurar o seu funcionamento en determinadas franxas horarias ou en relación aos aparatos válidos para enchufar neste, e tamén monitorizar en tempo real o consumo eléctrico do enchufe, así como obter o histórico do consumo que se realizou. Mesmo se desconecta de forma automática daqueles aparatos que se atopan en stand by, como televisores ou ordenadores, grazas a un sistema de identificación intelixente.
A patente de “Smart Socket” foi xa solicitada na Oficina Española de Patentes e Marcas, debido ás súas características e á innovación empregada durante o seu desenvolvemento.
(Fonte: UDC)