A Universidade da Coruña crea unha cátedra para impulsar a presenza feminina na tecnoloxía

A Universidade da Coruña (UDC) e a empresa nipoa NTT Data asinaron un convenio de colaboración para constituír a nova Cátedra de Diversidade e Tecnoloxía, que empezará a funcionar este mesmo mes e, entre outros obxectivos, impulsará a presenza de mulleres no sector.

A primeira iniciativa foi a celebración de Uniqa, un seminario feminino que busca impulsar as habilidades directivas e de marca persoal e pechar a brecha de sexo nas carreiras técnicas e científicas, dominadas por homes.

De acordo co plan de actividades previsto, a Universidade da Coruña e NTT Data colaborarán en programas de formación, xornadas para fomentar a diversidade nos sectores tecnolóxicos e científicos e a promoción deste tipo de carreiras entre o alumnado preuniversitario. Tamén impartirán cursos para crear empresas e explotar resultados de investigacións e organizaranse visitas á sede de NTT Data.

A cátedra, que substitúe á antiga de Transformación Dixital creada con Everis (empresa que foi comprada pola compañía nipoa) estará dirixida por Luís Hervella, que foi decano de Informática e director da Oficina de Cooperación e Voluntariado da UDC.

Fonte: La Opinión