Ese montante será complementado cunha cantidade similar procedente de socios privados, precisou a Comisión Europea (CE) nun comunicado. A Comisión propuxo hai un ano mobilizar ata 2020, xunto aos Estados membros e a industria, 22.000 millóns de euros en asociacións público-privadas de investigación para impulsar proxectos que fomenten a competitividade e melloren a calidade de vida dos europeos.
As sete asociacións impulsadas hoxe no ámbito dos medicamentos innovadores, a aeronáutica, os servizos ferroviarios, as bioindustrias, as pilas de combustible e hidróxeno e a electrónica contarán coa maior parte dese presuposto, un investimento total de 19.500 millóns de euros ao longo dos próximos sete anos.
A achega da UE ascenderá a 7300 millóns de euros, que farán de ‘panca’ para que o sector privado e os Estados membros mobilicen unha contribución de 12.200 millóns, segundo os cálculos de Bruxelas. O chamamento que fixo a UE a participar nesas iniciativas, a través dunha conferencia en Bruxelas, está aberto a empresas, pemes, universidades ou organizacións dedicadas á investigación. Os mellores proxectos serán seleccionados para que reciban financiamento a través deste programa, subliñou a CE.
Aposta multisectorial
O Executivo comunitario explicou que o programa “medicamentos innovadores” desenvolverá a “próxima xeración” de vacinas, medicinas e tratamentos como os novos antibióticos, mentres que a iniciativa “células de combustible e hidróxeno” acelerará a introdución no mercado de tecnoloxías limpas e eficientes nos ámbitos da enerxía e o transporte.
O programa ‘ceo limpo’ axudará a fabricar avións que emitan menos emisións de CO2, en tanto que ‘SESAR 2020’ mellorará a xestión do tráfico aéreo e ‘Shift2Rail’ a dos servizos de trens.
Por último, a iniciativa ‘bioindustrias’ buscará combinar os recursos naturais renovables e as tecnoloxías para crear produtos cotiáns máis ecolóxicos, e o programa sobre “compoñentes e sistemas electrónicos para o liderado europeo” (ECSEL) intentará impulsar as capacidades de fabricación electrónica da Unión Europea.
(Fonte: EFE)