A única copa menstrual do mercado fabricada con silicona platino recibe o impulso de “Galicia Avanza”

O programa de aceleración para a internacionalización de pemes galegas “Galicia Avanza” poñíase en marcha en 2022 como resultado da colaboración entre a Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación -a través da Axencia Galega de Innovación (Gain) e do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape)- e o Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole). Na primeira edición, que acaba de concluír, participaron 30 pemes innovadoras e/ou de base tecnolóxica de toda a comunidade. Xa está en marcha a segunda convocatoria do programa, á que poden acceder outras 30 pemes. O prazo para presentar as solicitudes remata o 5 de marzo e deberá realizarse a través da páxina web https://tecnopole.es/galiciaavanza/.

Unha das empresas beneficiarias da primeira edición do programa foi a viguesa Irisana. A firma céntrase no desenvolvemento de produtos innovadores e ecolóxicos, en particular a copa menstrual Iriscup, de deseño e fabricación propia, para a que emprega silicona platino de moi alta calidade que marca a diferenza con outras presentes no mercado.

O produto está certificado coa ISO 10993 de Biocompatibilidade, o que garante que o material empregado na súa fabricación é seguro en canto a citotoxicidade, hipersensibilidade e irritación da mucosa vaxinal. Ademais, ao ser reutilizable e ter unha longa vida útil, dun dez anos aproximadamente, reduce de maneira moi notable a xeración de residuos derivados dos produtos dun só uso, á vez que supón un considerable aforro económico para as usuarias.

A copa menstrual de Irisana xa se está comercializando en España e noutros países como Israel, Vietnam ou Romanía. Agora buscan introducila en Alemaña e en particular en México, onde un cambio recente na lexislación fai que á empresa lle resulte atractivo este mercado ao detectar moito interese neste produto por parte das potenciais usuarias.

Fonte: Tecnópole