A un paso de predicir un cancro vinte anos antes do seu diagnóstico

Unha de cada tres persoas sufrirá cancro ao longo da súa vida. O achado do grupo Genomas e Enfermidades do CiMUS, dirixido polo doutor José Manuel Castro Tubío, supuxo un gran paso non só para chegar a tratamentos máis eficaces e personalizados contra as doenzas oncolóxicas, senón tamén para chegar a previlas, xa que abren vías para chegar a predicilas ata vinte anos de ser diagnosticadas.   

Este revolucionario descubrimento dentro do maior estudo xenómico do cancro, no que Tubío e o seu equipo levan traballando dende hai sete anos, fixo que ata o ministro de Ciencia, Pedro Duque, compartise un tuit do científico do CiMUS para felicitalo: “Decisiva contribución da investigación española ao coñecemento dos procesos do cancro. É un exemplo claro do éxito da colaboración científica internacional entre centros de investigación, universidades e hospitais”. 

En plena resaca de comparecencias cos medios de comunicación, o doutor Tubío, emocionado e canso, explicou a este diario que a mensaxe de Duque “é todo un estímulo para seguir traballando”. 

Precisamente, este científico xunto a Bernardo Rodríguez, investigador predoutoral en Genomes & Disease, foron os protagonistas da presentación dos resultados do achado á comunidade científica nun acto presidido pola conselleira de Educación, Carmen Pomar, xunto ao vicerreitor de Investigación e Innovación da USC, Vicente Pérez Muñuzuri; Pilar López-Rioboo Ansorena, subdelegada do Goberno na Coruña; Manuel Aguilar, presidente da Asociación Española contra o Cancro (AECC) na Coruña, e Carlos Diéguez, director do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da USC. 

Sobre o traballo, o maior realizado ata a data no campo da xenómica do cancro, o doutor Tubío explicou que se centrou en estudar o chamado ADN lixo, onde descubriu “varios tesouros”. “Son rexións de ADN ata agora ignoradas que explican a orixe e a progresión de certos tumores e abren novas vías para o tratamento da enfermidade e a prevención precoz ao poder diagnosticarse anos antes de aparecer”. 

Fonte: El Correo Gallego