O salto á tecnoloxía 5G xa comezou e o bo funcionamento destas redes pasará pola optimización das antenas intelixentes (beamforming), que son moito máis complexas, ademais de custosas, que as súas predecesoras. A Unión Europea premiou unha aplicación deseñada pola Universidade de Vigo para inspeccionar estas infraestruturas mediante o uso de drons e que xa está lista para o seu lanzamento comercial por parte das empresas que amosen o seu interese.
A competición MyGalileoDrone, organizada pola Axencia Europea GNSS, estendeuse durante 6 meses. E o proxecto 5GBeamCheck, liderado polo investigador Borja González Valdés, do grupo de Antenas, Radar e Comunicacións ópticas (COM), resultou o único español entre os premiados. O cuarto posto supón ademais unha dotación de 30.000 euros. O concurso distingue aplicacións ou servizos baseados en drons que utilicen o sistema europeo de navegación por satélite Galileo. E tamén ten en conta o potencial de mercado da proposta e o grao de desenvolvemento do prototipo de cara á súa comercialización.
“As antenas 5G son moi complexas porque emiten diferentes feixes en distintas direccións e deben funcionar moi ben para que a melloría do servizo sexa grande. A aplicación permite realizar unha serie de medidas para calibralas antes de que comecen a operar, así como obter diagnósticos de erros unha vez que entren en funcionamento. A idea é optimizar o servizo que prestan e reducir custos, xa que axuda a determinar previamente se se pode cubrir unha área cunha soa antena ou compra utilizar dúas, ademais de detectar calquera avaría con precisión”, destaca González Valdés.
Os investigadores vigueses desenvolveron a carga que se instala no dron e contaron coa colaboración de colegas da Universidade de Oviedo para o tratamento dos datos rexistrados durante a inspección. “A idea é que o sistema, que é como unha caixa, poida ser instalado en calquera dron e só pesa un quilo. É un sistema completamente autónomo, coma se se tratase dunha cámara. E no futuro tentaremos rebaixar o peso para naves máis pequenas pensando nas limitacións legais nas contornas urbanas”, engade.
O grupo COM, que xa obtivo un premio europeo Galileo Master en 2019, conta con oficinas en Porto do Molle e as probas para estes proxectos realizáronas cunha antena 5G cedida pola empresa Telnet Redes Inteligentes e que instalaron tanto a nivel de superficie como na parte superior do edificio para simular unha contorna real.
A aplicación conta co apoio da Axencia Galega de Innovación (Gain) a través da convocatoria Ignicia e tamén forma parte da aceleradora BFAero: “A pandemia paralizou a procura de empresas potencialmente interesadas pero a Xunta está a apoiarnos moito para atopar empresas que queiran facer comercial esta tecnoloxía e vendela. Gran parte do premio é debido ao traballo desenvolto para establecer a viabilidade de negocio e o mercado potencial. E a solución pode interesar a empresas relacionadas cos drons, de tecnoloxía ou provedores de telecomunicacións, que son os que fabrican as antenas”.
Fonte: Faro de Vigo