A UE mira á galega Agroamb como guía de xestión ambiental

O Cumio das Nacións Unidas para o Desenvolvemento do Clima celebrado hai catro anos en Nova York deixou unha longa lista de deberes recollidos na Axenda 2030 de Desenvolvemento Sustentable. Esa relación de tarefas engloba 17 obxectivos que, entre outras cousas, buscan acabar coa pobreza e a fame, reducir a desigualdade e abordar retos como o cambio climático.

Alcanzar esas metas é un traballo común de gobernos, empresas e sociedade civil. De aí que unha das claves fundamentais, que ha de ter en conta unha organización para ter éxito no mercado actual, é a adopción dun enfoque proactivo á hora de facer fronte aos retos ambientais. Non hai máis que recordar como naquel cumio do 2015, Nacións Unidas recoñeceu por primeira vez o papel estratéxico das compañías á hora de lograr esas metas: “Exhortamos a todas as empresas a empregar a innovación e a súa creatividade para resolver os problemas que teñen que ver co desenvolvemento sustentable”.

Nesa liña móvense cada vez máis organizacións empresariais comprometidas co futuro do planeta, pero hai unha, a galega Agroamb Prodalt do grupo Agroamb que, tras ser a única en superar primeiro o corte nacional e logo o europeo, logrou estar entre as catro finalistas a nivel de toda a UE dos Premios EMAS, uns galardóns organizados pola Comisión Europea e que na edición deste 2019 teñen como tema central o Modelo Comunitario de Xestión e Auditoría Ambientais (EMAS) como motor do cambio.

Porque este método de xestión ambiental, regulado por un regulamento europeo ao que as empresas se adhiren de forma voluntaria, é unha ferramenta que permite mellorar, avaliar e certificar ante os consumidores como é o comportamento da compañía en relación ao coidado do Medio.

No caso de Agroamb, con sede en Tecnópole, o EMAS certifica, non só o cumprimento da normativa, senón tamén uns procesos dirixidos a fomentar a economía circular ou o uso do I+D+i, para dar unha nova vida aos restos procedentes de granxas ou outro tipo de industrias agroalimentarias de forma segura. As organizacións EMAS poden recoñecerse en toda a UE por un logo que asegura a veracidade da información ambiental facilitada, o que constitúe unha garantía.

É por ese compromiso, asumido por Agroamb no 2010 -data na que se adheriu ao regulamento EMAS- polo que a compañía galega captou o interese de Europa no seu modelo de xestión ambiental. E por iso logrou superar dúas fases do concurso, a nacional, sendo seleccionada polo Ministerio de Transición Ecolóxica como a representante das pemes españolas para concorrer a nivel europeo ao premio e unha segunda fase que é na que cada categoría, de todas as empresas europeas, só quedan catro.

Dende hai 20 anos

Chegar ata aí é froito dun traballo de anos. De feito, a vinculación da empresa á terra, dende o seu nacemento en 1999 como un proxecto para dar saída aos restos procedentes da industria agroalimentaria e plantas de tratamento de augas residuais, serviulle ao grupo para entender por onde ten que ir agora para lograr unha agricultura e gandería galega viable, sustentable e innovadora.

Nesa liña está a súa defensa da economía circular ao dar valor aos residuos como materia prima no sistema económico. ¿Como o fixo? Buscando unha solución viable e sustentable aos residuos biodegradables. Ese labor realízao seleccionando os mellores materiais dese tipo para convertelos logo na materia prima coa que elaborar produtos fertilizantes para a agricultura. Dese modo, como explican dende a compañía, obteñen un fertilizante orgánico de baixo custo apto para uso agrícola e forestal. Ese é o camiño que quere impulsar a UE, o do uso de fertilizantes orgánicos fronte aos minerais que actualmente copan o mercado.

Pero máis alá da calidade do produto obtido, a preocupación desta empresa con raíces en Castro de Rei esténdese a toda a cadea de valor, garantindo a trazabilidade, dende o servizo de recollida e transporte de residuos, pasando pola hixienización e estabilización en planta, ata o fertilizado que realiza coa súa empresa de prestación de servizos agrícolas. Todo iso con servizos prestados polas diferentes empresas que conforman o Grupo Agroamb. Pero o seu traballo vai moito máis alá. A meta: a sustentabilidade.

(Fonte: La Voz de Galicia)