A Tecnópole dará soporte durante un ano a tres ideas de negocio propostas por estudantes universitarios

Tres ideas relacionadas co aproveitamento forestal, os microorganismos e a xestión cultural e a intervención social poderán empezar a crecer nos niños da preincubadora de Tecnópole de Ourense.

Os tres proxectos, ideados por estudantes universitarios, foron seleccionados na sétima convocatoria dos Premios Incuvi-Emprende da Universidade de Vigo, cuxo obxectivo é fomentar o espírito emprendedor entre alumnos e egresados a través dun concurso de ideas.

Os gañadores dos tres campus acceden así a un programa de preincubación durante un ano. No conxunto da UVigo foron premiados 11 proxectos, dos que tres se desenvolverán en Tecnópole.

O proxecto “Aproveitamento dos recursos forestais” é unha iniciativa de estudantes da Escola de Enxeñería Industrial, impulsada por Juan José Gil. O proxecto de negocio consiste no aproveitamento e recuperación de terreos forestais, concretamente soutos de castiñeiros e carballos no medio rural galego, e na produción agropecuaria a partir deles con criterios ecolóxicos.

ReinvindicARTE é unha iniciativa que combina a xestión cultural e a intervención social. Segundo explicou a súa promotora, Violeta Pérez, da Facultade de Ciencias da Educación de Ourense, o proxecto quere, por un lado, “enxalzar o valor daquelas artistas aínda descoñecidas en Galicia e, por outro, difundir o seu traballo na sociedade actual”.

O terceiro proxecto seleccionado é Biolux, unha idea procedente da Facultade de Ciencias que suxire a creación dun modelo de negocio que desenvolve e comercializa un novo prototipo de boia, incorporando microorganismos bioluminiscentes.

Ouvir, Premio Avanza

No acto de presentación entregáronse tamén os premios Incuvi-Avanza, uns galardóns que pretenden apoiar os proxectos emprendedores da edición anterior que teñen potencial e viabilidade para poder continuar co seu desenvolvemento. Os gañadores recibirán 3000 euros e o asesoramento dun equipo de profesionais que mentorizarán os proxectos durante o ano que estean nos espazos de Porto do Molle en Vigo e no CITI de Ourense.

Nesta terceira convocatoria o xurado elixiu a Ouvir, que xa levaba un ano na preincubadora de Tecnópole, entre os proxectos de Ourense. A iniciativa céntrase en xerar unha acción transformadora para as persoas con diversidade funcional de todo tipo ofrecendo asistencia persoal.

A impulsora de Ouvir agradeceu o apoio, acompañamento e ánimo recibidos no ano de preincubación e aconsellou aos novos promotores de proxectos “aproveitar o tempo, porque pasa moi rápido, e seguir adiante porque é o voso presente e futuro”.

(Fonte: Faro de Vigo e DUVI)