Apostar polo talento das pequenas e medianas empresas galegas que queren dar o salto á internacionalización. Ese é o obxectivo final do programa Galicia Avanza, que organiza a Xunta de Galicia e que ten a súa sede no Parque Tecnolóxico de Galicia, situado en San Cibrao das Viñas (Ourense). Entre as trinta empresas que participaron na edición de 2022 desta aceleradora para a exportación atópanse firmas vencelladas ao sector tecnolóxico, ao biotech, así como os servizos, o ámbito sanitario ou a automoción. Os destinos elixidos por estes emprendedores para vender o seu proxecto innovador foron a Unión Europea (47%), Latinoamérica (23%), Asia (13%), Estados Unidos (12%) e Gran Bretaña (5%).
Entre as propostas que levan a Marca Galicia a outros destinos destaca, por exemplo, Netcycle. Trátase dunha empresa que se dedica ao deseño e fabricación de mobiliario urbano realizado con material 100% reciclado. Entre os produtos que desenvolveu no mercado atópanse un aparcabicis individual, e papeleiras con banco para utilizalas como mobiliario urbano. Os seus principais mercados son Francia, Holanda ou Estados Unidos e aproveitaron o plan Avanza para mellorar o seu deseño de identidade e o desenvolvemento da súa web e perfís nas diferentes redes sociais.
Vencellado ao turismo de relax atópase a firma da provincia de Pontevedra Vouxers. É unha firma que axuda a conectar hoteis e outras empresas provedoras de experiencias con clientes interesados en servizos situados preto da súa contorna. A súa vantaxe competitiva pasa por ordenar e clasificar un gran catálogo de experiencias de forma xeolocalizada cunha visión global e local. Entre os logros que alcanzaron a través desta aceleradora atópase o lanzamento dun motor de reservas en varios idiomas baixo licenza.
Entre os proxectos que recibiron o impulso de Galicia Avanza tamén se atopa Cifga. Trátase dunha firma de Lugo que traballa con laboratorios agroalimentarios e coa industria téxtil. Ofrece materiais de referencia e kits para o control de calidade de diversos produtos. Busca expandirse en Perú, Chile e Arxentina. Con esta aceleradora logrou obter unha base de datos cualificada en mercados obxectivos.
A empresa viguesa Irisana lanzou Iriscup, unha copa menstrual que se presenta no mercado como unha alternativa saudable grazas ao uso de materiais como a silicona. Os seus mercados prioritarios son México e Alemaña. Tamén en Vigo naceu a peme Versa, que acaba de lanzar Versatile. Trátase dun módulo independente de 15 metros cadrados destinado a uso habitacional. A súa vantaxe competitiva céntrase nos prazos reducidos de entrega e en que é autónoma enerxeticamente.
As trinta empresas pasaron por un proceso formativo de oito meses que lles permitiu mellorar o seu modelo de internacionalización. Para poder optar a este programa é necesario ter un produto innovador xa en funcionamento e contar cunha experiencia mínima de dous anos no mercado nacional e facturar nos exercicios 2020 e 2021. O prazo para participar na segunda convocatoria, para outras trinta pemes, continúa aberto até o 5 de marzo.
O vicepresidente económico da Xunta, Francisco Conde, participou na xornada de presentación dos resultados do programa Galicia Avanza. Destacou que o traballo desenvolto por estas empresas «é unha proba de como desde Galicia se está a dar resposta aos retos do século XXI». Na súa intervención, Conde tamén quixo pór en valor o papel da Tecnópole neste programa. Subliñou a súa oferta de servizos que pon a disposición do tecido empresarial e que proximamente incorporará o Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia e a primeira comunidade enerxética nun polígono empresarial.
Relatorios
O programa da xornada que serviu para coñecer os resultados da primeira aceleradora Galicia Avanza incluíu diferentes relatorios, entre os que destacaron os realizados por Ignacio González Hernández, conselleiro delegado de Nueva Pescanova, ou de Carlos Carrión Álvarez, presidente de Paco&Lola. Nunha mesa redonda sobre internacionalización tamén estiveron presentes un voceiro das empresas ourensás Aceites Abril e Egatel.
Fonte: La Voz de Galicia