O Parque Tecnolóxico de Galicia é o lugar elixido pola Xunta para pór en marcha o Centro de Excelencia de Ciberseguridade de Galicia. O proxecto, ao que se dotou cun investimento inicial de 3,5 millóns de euros, é unha ferramenta clave dentro da estratexia que o Goberno galego está a desenvolver para fortalecer a defensa contra a ciberdelincuencia, cada vez máis sofisticada e diversificada en canto aos campos sobre os que actúa, tanto contra as persoas particulares ou os seus bens como en ataques contra empresas ou as propias institucións públicas.
Esta nova infraestrutura será «clave no desenvolvemento da estratexia de seguridade de Galicia», segundo apuntou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo. E é que a ciberdelincuencia está en alza. En 2021 un de cada catro delitos en Galicia usaron medios informáticos e só en estafas telemáticas contabilizáronse 20.000.
Ademais de axudar a fortalecer e potenciar a seguridade tanto da Administración pública como das empresas e a cidadanía, neste centro traballarase para incentivar a innovación e a investigación neste campo, así como en potenciar o desenvolvemento de talento especializado en ciberseguridade. O novo centro, que se quere construír este mesmo ano, pretende ser a punta de lanza dun novo sector estratéxico para converterse nun «motor de transformación económica e social». O seu labor inclúe tamén potenciar o nó Ciber.gal en España e Europa; a primeira estrutura público-privada para identificar ameazas e executar accións defensivas.
Fonte: La Voz de Galicia