O premio para startups do Data Pitch de Open Data Institute (ODI) recaeu na española Recognai. Trátase dunha spin-off da Universidade Politécnica de Madrid, onde investigaba o seu cofundador Daniel Vila, nacida en 2017. “Facemos solucións de ciencia de datos e intelixencia artificial aplicada a texto. Aplicamos semántica computacional e aprendizaxe automática a datos non estruturados para automatizar procesos de xestión de información tediosos e custosos”, afirma Vila.
O premio de ODI recoñece o mellor uso dos datos compartidos para resolver un desafío identificado. Este programa traballa con emprendedores, corporacións e gobernos para axudarlles a compartir os seus datos e a construír negocios sustentables. “Queremos facilitar que sexan capaces de obter valor a partir de políticas de datos abertos que exploten o seu potencial de innovación”, subliñou durante a cerimonia de entrega de galardóns a directora de programas de Innovación de ODI, Orsola De Marco.
Neste caso, Recognai traballou co provedor de datos alemán Uniserv para axudar a mellorar os seus sistemas de xestión de datos de clientes. Basicamente, a empresa española aplica a súa tecnoloxía para limpar os datos dos ditos clientes, na súa maioría grandes bancos e aseguradoras.
“Estas empresas teñen moitas canles polas que recollen información de moitos clientes e a miúdo non son capaces de identificar a cada cal univocamente. Uniserv ofrece unha solución para unificar esa información e nós axudamos a automatizar parte de proceso”, indica Vila.
Este non é o único exemplo. Recognai tamén ten en marcha pilotos no ámbito dos servizos de atención ao cliente en grandes empresas. Estas contan con enderezos de email específicos para recibir pedidos e hai unhas persoas que se dedican a clasificalos e outras que introducen os datos no sistema para procesar os pedidos. O sistema de Recognai pretende automatizalas ambas as dúas.
Tamén están a usar a súa tecnoloxía para axudar a equipos de avogados que están constantemente revisando o mesmo tipo de demandas. “O Noso sistema aprende dos patróns deses documentos para cando chega un novo poder revisalo automaticamente”, di o emprendedor español.
Vila aclara que este é un proceso semiautomático. “En ningún caso querería vender a idea de que automatizamos todo o proceso. Hai unha parte que ten que ser supervisada por un humano”.
Recognai máis que duplicou os seus ingresos mensuais media. “Levamos dende 2017 sendo rendibles sen investimento privado e cun equipo de seis persoas”, comenta Vila. Teñen clientes en Francia, Alemaña e Reino Unido. Entre eles, a división europea de Airbus, en cuxo programa de aceleración participaron. Tamén teñen oficinas en Madrid e Valencia.
(Fonte: La Razón)