O evento inclúe un open innnovation marketplace, no que un grupo de empresas de toda España seleccionadas polo seu potencial para transformar a industria terán a oportunidade de presentar o seu proxecto e manter encontros con grandes compañías.
Os dez proxectos máis destacados participarán nos European Digital Mindset Awards, premios que recoñecen o traballo de persoas e empresas na busca de novos modelos de negocio no marco da transformación dixital.
Co obxectivo de posicionarse moi pronto no mercado dos wearables, Brookesia presentará o seu prototipo de pulseira intelixente, cuxa saída ao mercado se prevé para despois do verán. A BrooBand será personalizable e permitirá levar no pulso todo o que temos no smartphone, aparte de intercambiar contactos con outros usuarios só cun apertón de mans, realizar pagamentos ou contar cun sistema de recoñecemento biométrico. Ademais, virá cun kit de desenvolvemento de software que permitirá que terceiras persoas deseñen apps para personalizar a súa pulseira
18.000 profesionais
O evento, que se celebrará no recinto IFEMA, reunirá máis de 18.000 profesionais do mundo da innovación e a creatividade nos negocios. Durante tres días terán lugar máis de 450 relatorios co obxectivo de que expertos internacionais conten o último sobre social business, liderado dixital, ciberseguridade, internet das cousas ou mobilidade, entre outros temas. Todo iso coas empresas e a súa transformación dixital como fío vertebrador do evento.