A ‘startup’ Alén Space, integrada no programa “Galicia Avanza”, reforza a súa posición ao integrarse na tecnolóxica GMV

A viguesa Alén Space, empresa emerxente pioneira do New Space en España, alcanzou un acordo de adquisición para incorporase á multinacional tecnolóxica española GMV. A operación supón a adquisición por parte de GMV da maior parte do capital da startup viguesa, así como unha ampliación de capital da mesma. O obxectivo que se marcan ambas é que, no prazo de cinco anos, Alén Space “multiplique por máis de dez veces a súa facturación, converténdose nun líder europeo e global no sector dos pequenos satélites”.

Alén Space seguirá operando baixo a súa marca e o actual equipo directivo -con Guillermo Lamelas como director xeral- manterase á fronte do proxecto. Ademais, o Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI), a través do programa Innvierte, permanece como socio da empresa viguesa e acompaña a GMV na ampliación de capital.

Esta empresa naceu como spin-off da Universidade de Vigo fai só catro anos, pero desde que empezou a traballar no desenvolvemento de nanosatélites, o seu equipo ”liderou misións de calado internacional”, como a posta en macha do primeiro nanosatélite español, Xatcobeo. “Nunha contorna de crecemento e de forte competencia, abre un camiño que nos permite aspirar a todo”, destaca Lamelas sobre esta operación.

Fonte: Faro de Vigo