Os creadores da app, que leva o mesmo nomee que a súa empresa, detectaron que as redes sociais, e en especial Twitter, son capaces de precipitar cambios significativos na bolsa. “O mercado móvese cada vez máis a ritmo de tuits, de informacións a curto prazo, e cremos que o investidor minorista pode aproveitar o coñecemento sobre estes movementos”, explica David Conde, CEO e cofundador de Senseitrade, antes Twibex35.
Hoxe luns a empresa lanza o seu I Torneo Mensual de Bolsa a través da súa app, que ten unha nova versión dispoñible para descarga gratuíta tanto para Android como para IOS. O usuario que máis diñeiro virtual logre acumular operando coa aplicación levará un iPad mini. “Este será o primeiro dunha serie de desafíos que lanzaremos ao longo do ano 2017 para que os usuarios poidan gañar premios mentres aprenden a investir en bolsa”, anuncia Conde.
87% de acerto
A idea deste equipo de emprendedores, formado por un economista e catro enxeñeiros, partiu dun estudo da Universidade de Munich que, tras analizar máis de 250.000 tweets sobre bolsa, conclúe que se pode predicir a súa evolución cun 87% de acerto.
A partir da análise das redes sociais, Senseitrade ofrece unha serie de funcionalidades para que calquera persoa poida acceder ao investimento en bolsa sen ser un experto. Ademais de permitir comezar a operar cunha conta demo (con diñeiro virtual), os seus sinxelos indicadores fan posible saber de maneira intuitiva se é un bo momento para comprar ou vender.
Os promotores de Senseitrade aseguran que a súa ferramenta non só é interesante para investidores que están a empezar, senón tamén para traders máis profesionais que utilizan outras ferramentas de análise de bolsa pero que queren confirmar as súas previsións con información do que se está comentando nas redes sociais.
Tras gañar o concurso convocado pola aceleradora Vía Galicia, apoiada pola Zona Franca de Vigo e a Xunta, a empresa recibiu unha subvención a fondo perdido e dous préstamos participativos para o desenvolvemento de negocio. O seu obxectivo é activar unha rolda de financiamento en 2017, para o que xa está en contacto con varios fondos de investimento nacionais. O seu modelo de negocio baséase na subscrición, que permite o acceso aos servizos de análise en tempo real e as alertas de compra ou venda en bolsa.