A start-up galega OpSeeker, seleccionada para representar a España no Mobile World Congress

A start-up galega OpSeeker foi seleccionada pola Secretaría de Estado para a Sociedade da Información e a Axenda Dixital, o ICEX e Red.es para representar a España no ‘4 Years From Now (4YFN)’ do ‘Mobile World Congress’, que se celebrou en Barcelona do 27 de febreiro ao 2 de marzo.

En total, 35 start-ups españolas cun alto grao de innovación e potencial global foron seleccionadas para representar a España no ‘4YFN’, a plataforma de negocio global para a crecente comunidade de start-ups tecnolóxicas que serve como un punto de encontro e de negocio para emprendedores, investidores e grandes corporacións internacionais.

OpSeeker é unha compañía constituída en agosto de 2016 e que pertence ao sector ‘fintech’. A súa proposta é mellorar a saúde financeira dos españois.

En palabras do seu cofundador e CEO, Gonzalo Camiña Ceballos, “quere ser disruptiva na industria do asesoramento financeiro e darlle poder aos clientes achegándolles a información necesaria para cubrir a brecha de coñecemento que existe entre os profesionais das finanzas e os propios clientes”.

Antes do evento, Camiña Ceballos aseguraba que “para OpSeeker é un orgullo poder representar a España e a Galicia nun evento tan importante para a tecnoloxía e o emprendemento”, ao que engadía que esperaba “poder coñecer mellor o contorno internacional das start-ups, establecer contactos con futuros clientes, socios e investidores e poder aprender doutros proxectos á vangarda da tecnoloxía mundial”.

(Fonte: EP)