Os drons deixaron de ser un xoguete divertido para converterse nunha ferramenta cada vez máis útil e funcional. O número de concellos que os incorporan aos seus plans de seguridade aumenta de forma paralela ás prestacións destas pequenas máquinas voadoras, de fácil manexo, mínimo mantemento e múltiples aplicacións.
Aerocámaras é unha empresa de Pontevedra que se converteu no referente nacional no sector, tanto en formación de pilotos como na subministración de aparellos. Habituais son xa as súas colaboracións anuais coa Consellería de Medio Rural para sobrevoar os montes no verán e alertar de posibles incendios, pero os seus clientes máis numerosos agora son os concellos.
Jaime Pereira, CEO e fundador da firma, explica que «fornecemos a policías locais, Garda Civil e servizos de emerxencias drons de todo tipo, porque son ferramentas non tan caras como outras e moito máis útiles que outras que acaban nos garaxes». Para avalar a versatilidade destes aparellos, apunta que «un dron con cámara térmica e cámara con aumentos sérveche para multitude de servizos. Por iso nós pedímoslles aos concellos que nos transmitan as súas necesidades e a partir de aí facemos unhas formacións adaptadas, formándoos tanto en hardware como en software. Porque o dron é o mesmo, pero o software é diferente e aí é onde se lle saca partido».
Aforamento nas praias
Nos dous últimos veráns puxeron os seus drons a disposición das administracións para controlar os aforamentos nas praias por mor da pandemia. «Ao principio soaba a ciencia ficción, pero ao final demostramos que era viable, práctico e útil», indica Pereira. Este ano non será necesario este servizo, pero seguirán sobrevoando o litoral para vixiar os areais, control de bañistas, riscos no mar… «Nós facémoslles aos concellos toda a subministración, a formación, o papelorio que necesitan para poder voar legalmente e formámolos; e a partir de aí eles executan o servizo», apunta o empresario.
Fonte: Diario de Pontevedra