A Secretaría de Estado de I+D+I lanza unha convocatoria para contratar mozos menores de 25 anos

A Secretaría de Estado de I+D+I destina 60 millóns de euros para a contratación de 1000 mozos menores de 25 anos. A través desta nova convocatoria trátase de fomentar a contratación laboral de persoal técnico e de xestión da I+D en universidades, organismos e entidades de investigación do sector público.

Esta convocatoria, incluída no Programa Estatal de Promoción do Talento e a súa Empregabilidade do Plan Estatal de I+D+i, forma parte do desenvolvemento do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, pertencente aos Fondos Estruturais e de Investimento da Unión Europea. Esta actuación permite a España acceder a recursos para o cofinanciamento de gastos realizados para a incorporación de mozos non ocupados e que non estean cursando estudos, a través da Iniciativa de Emprego Xuvenil e o Fondo Social Europeo.

A convocatoria está destinada a aquelas entidades que elaboren unha proposta de actividade e un programa formativo que, en caso de resultar beneficiarias das axudas, deberán efectuar os procesos de selección e contratación de persoal. Así mesmo, deberán adecuarse aos principios e esixencias establecidos no marco da Garantía Xuvenil, e na Recomendación da Comisión Europea de 11 de marzo de 2005, relativa á Carta Europea do Investigador e ao Código de conducta para a contratación de investigadores.

O prazo de presentación das solicitudes ábrese o próximo día 12 de febreiro e permanecerá aberto ata o 17 de marzo de 2015.

A contía das axudas destinarase integramente á contratación, incluíndo a retribución bruta e a cota empresarial á Seguridade Social, e será de 19.600 euros, no caso de titulado universitario e 17.900 euros no caso de titulado, no marco da formación profesional do sistema educativo.

A remuneración anual mínima que percibirán os contratados será de 16.422 euros, no caso de titulado universitario e 15.000 euros, no caso de titulado, no marco da formación profesional do sistema educativo.

(Fonte: Ministerio de Economía)