O concurso de fotografía a través de Instagram que convoca Galiciencia 2025 está aberto a alumnado e profesorado de Secundaria, Bacharelato e FP de toda España. Partindo dun enfoque libre, as imaxes deben ter como punto de referencia calquera obxecto ou contorna relacionada coa temática desta edición da feira, “Neurociencia e saúde mental”. O prazo para presentalas remata o 21 de abril.
O alumnado e profesorado que desexe participar neste concurso deberá seguir o Instagram de “Tecnópole Divulga”. Terán que subir as súas fotografías a través desta rede social, etiquetando a Galiciencia co hastag #concursogalicienciaonline2025. Cómpre indicar o título de cada instantánea, así como o centro educativo ao que pertencen os participantes. O certame é unha oportunidade para reflexionar e expresar como entendemos un dos campos máis fascinantes e relevantes da ciencia actual.
Cada persoa poderá presentar ata un máximo de tres fotografías, que poden ser tanto en branco e negro como en cor. Os participantes deberán ser os autores das obras presentadas. Un xurado de expertos decidirá a proposta gañadora. A resolución farase pública o 16 de maio, durante o acto de entrega de premios de Galiciencia 2025. Os gañadores recibirán un agasallo, consistente en material fotográfico, e as instantáneas premiadas difundiranse a través do Instagram de “Tecnópole Divulga”.