O premio ao mellor traballo desenvolvido por un grupo de investigación aplicada, dotado con 6000 euros netos e unha axuda de 4000 euros para a formación dun membro do equipo gañador, recaeu en José Castillo, Tomás Sobrino e Francisco Campos, do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), participado polo Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) e pola Universidade de Santiago de Compostela (USC). Este equipo lograra xa o Premio de Investigación 2014 da RAGC por outro proxecto científico sobre o ictus, que demostraba que a terapia celular é unha vía eficaz para a recuperación das persoas afectadas por esta doenza.
Nesta ocasión, o grupo resultou galardoado por unha nova terapia para minimizar as secuelas do ictus, unha enfermidade que só en Galicia rexistra máis de 5000 casos ao ano e vai en aumento. A pesar dos graves efectos socioeconómicos derivados desta enfermidade, as estratexias terapéuticas que se usan actualmente só se poden aplicar en menos do 10% dos pacientes e teñen unha eficacia moi limitada. Por estes motivos, a busca de novas alternativas aplicables a un maior número de pacientes, con riscos reducidos e que impliquen menos requisitos tecnolóxicos, representa actualmente unha importante demanda social e médica.
Os investigadores galardoados presentan unha nova terapia baseada no control do glutamato, un neurotransmisor que se desregula cando se produce un ictus e que produce unha grave toxicidade. De feito, o efecto de morte neuronal que provoca o descontrol do glutamato a causa do infarto cerebral é o principal desencadeante das secuelas da enfermidade.
En concreto, a nova terapia baséase en diminuír a cantidade de glutamato no plasma sanguíneo, para o cal se seleccionou o fármaco que mellor cumpre esa función, que resultou ser a Riboflabina. A principal vantaxe desta nova estratexia é que o lugar de acción é a circulación sanguínea, polo que non afecta a neurofisioloxía normal do cerebro, como acontece con outros tratamentos farmacolóxicos utilizados contra a toxicidade do glutamato.
“Este traballo representa un claro exemplo de investigación aplicada e translacional, xa que, despois de máis de 15 anos de estudo experimental, puidemos describir unha nova vía terapéutica que actualmente estamos a probar en pacientes afectados por un ictus”, explica Castillo.
Diagnóstico precoz
O premio ao mellor caso de éxito empresarial de transferencia de tecnoloxía, dotado con 12.000 euros, correspóndelle ao innovador sistema de diagnóstico temperán de enfermidades neurodexenerativas desenvolvido pola start-up coruñesa Qubiotech, Health Intelligence. O software galardoado, bautizado como IQ-BRAIN, foi precisamente o xerme desta empresa, que naceu como spin-off dun grupo de investigación do CHUS.
Pedro Arenas, Jesús Silva e Pablo Aguiar son os promotores, xunto coa Fundación Ramón Domínguez, de Qubiotech e polo tanto os creadores de IQ-BRAIN, do que os membros do xurado destacaron a capacidade para xerar un importante impacto no coidado da saúde e na eficiencia dos recursos sanitarios.
A imaxe médica é a técnica máis empregada para o diagnóstico de enfermidades neurolóxicas como o Parkinson, diferentes demencias como o Alzheimer ou a epilepsia. As súas distintas modalidades, como a tomografía axial computarizada (TAC) ou a resonancia magnética (RM), son utilizadas ante o gran risco que supón practicar exploracións invasivas no cerebro.
O novo sistema preséntase como unha solución para evitar os erros de diagnóstico causados pola interpretación das complexas imaxes estruturais do cerebro adquiridas grazas a estas técnicas, que actualmente se realiza a través de análises individuais condicionadas pola experiencia dos médicos ou polo apoio de expertos altamente capacitados. IQ-BRAIN é capaz de procesar nunha única análise, a partir de parámetros obxectivos, varias probas de imaxe obtidas por diferentes métodos e estimar automaticamente índices relacionados coa presenza e a evolución da enfermidade.
En definitiva, o software IQ-BRAIN é unha ferramenta que facilita ao médico a toma de decisións no proceso de diagnóstico de enfermidades neurodexenerativas, facilitando que sexa máis precoz e fiable. Ademais de minimizar o risco de erros na detección destas doenzas graves, aumenta a seguridade do paciente e reduce os custos asociados a estes procedementos.
“O novo método foi empregado para o diagnóstico de diferentes enfermidades cerebrais en 400 pacientes dende o seu desenvolvemento, con moi bos resultados e perspectivas excelentes para a súa comercialización,”, explica Pedro Arenas, responsable de desenvolvemento de negocio en Qubiotech.
Nos últimos meses, a empresa e o seu primeiro produto lograron xa numerosos premios e recoñecementos, como o da farmacéutica Bayer, que a seleccionou para o seu programa de aceleración de empresas en España, Grants4Apps.
(Fonte: RAGC)