A elevada demanda de mobles deixou sen stock dispoñible a grandes e pequenos negocios do sector. As vendas aumentaron entre un 20 % e un 30 % desde que hai un ano irrompeu o coronavirus en escena. Lonxe de experimentar a caída en picado que se esperaba, o moble converteuse en desexo e obsesión. “Os consumidores empeñáronse en gastar máis dentro que fóra de casa” -apuntan-. “A xente con aforros para ir de vacacións investiunos en cambiar a cociña ou o dormitorio”, concorda o xerente do Clúster da Madeira e do Deseño de Galicia, Ricardo González.
De improviso, o sector experimentou un revulsivo para o que non estaba preparado, non só polo novo modelo de produción personalizado senón por esa destrución de fábricas que deixou como legado a crise do ladrillo. A rotura de stock converteu en norma a espera de até un mes polo pedido. “As fábricas non dan abasto, chegou un tsunami de pedidos que non poden afrontar”, sinalan.
“Desde a burbulla inmobiliaria pecharon moitas empresas fabricantes do sector e a capacidade produtiva é a que é, por iso se producen atrasos. En tan pouca marxe de tempo as empresas non poden ampliar a súa capacidade produtiva”, analizan fontes do sector. A iso súmase que “antes as fábricas tiñan 100 persoas traballando e agora teñen 50”. Niso ten que ver, ademais, a irrupción dun novo modelo produtivo. “O stock non xera valor, o que xera é un gasto financeiro”, introduce González. “No sector levamos anos a traballar no modelo de xestión Lean, que persegue optimizar a produción e eliminar aquilo que non xera valor”. A efectos prácticos, isto tradúcese en que os fabricantes de mobles cambiaron o seu modelo de produción para achegarse aos inventarios pequenos.
Nun paso máis, as empresas do sector sóbense ao carro da dixitalización, o que promete, a xuízo de González, que se volvan máis competitivas, áxiles e que poidan fabricar máis rápido, “para personalizar produtos”.
Fonte: Faro de Vigo