A revolución da nanotecnoloxía na medicina e a enerxía xérase en Galicia

Dende Milladoiro (Ames), Nanogap lidera a nivel mundial a revolución da nanotecnoloxía, unha disciplina que está chamada a impulsar a creación de novos materiais cunha morea de aplicacións en campos como a medicina, a produción de enerxía, a electrónica ou os biomateriais. Todo, aproveitando o potencial das partículas nanométricas -unha millonésima parte do milímetro- e mesmo máis pequenas. Nacida dun grupo de investigación da Universidade de Santiago (USC) en 2006, esta spin-off con 22 traballadores xa abriu hai dez anos unha oficina en Silicon Valley para atender ao mercado norteamericano. 

Con clientes en varios países, é a única empresa do mundo que produce clústeres cuánticos atómicos (AQCs, polas súas siglas en inglés), unhas partículas de tamaño inferior ao nanómetro que poden ser a base de catalizadores; axentes terapéuticos efectivos para abordar algúns tumores de difícil tratamento, e para conseguir novos materiais condutores, claves, por exemplo, para crear envases intelixentes con sensor de caducidade. Faino a escala industrial e tamén comercializa nanopartículas e nanofibras con múltiples usos, como os recubrimentos antimicrobianos, tintas condutoras, dispositivos médicos e de diagnóstico ou pantallas táctiles de tablets ou móbiles. 

Á fronte de tan rompedora empresa está Tatiana López (Santiago, 1980), fundadora e conselleira delegada, que vive a cabalo entre Múnic -onde reside a súa familia-; Milladoiro; San Francisco (California) -onde está a filial-, e Tokyo, sede dun importante socio industrial e comercial xaponés. 

“Cando baixas moito o tamaño das partículas, estas teñen propiedades totalmente novas, que non existen nos materiais a día de hoxe. O que facemos é fabricar esas nanopartículas e axudar aos nosos colaboradores industriais a desenvolver aplicacións que logo se poidan usar na sociedade ou a industria”. Así o explica López, que apunta que, no terreo médico crearon outra filial, Arjuna Therapeutics, que se centra nas aplicacións dos clústeres terapéuticos moleculares. Utilizados como base de novos tratamentos anticanceríxenos, demostraron ser “moi potentes”, pois polo seu microscópico tamaño son capaces, por exemplo, de “pasar a barreira hematoencefálica” que protexe o cerebro e que os tratamentos de quimioterapia actuais non logran superar á hora de tratar un mioblastoma. Ademais de aumentar a eficacia dos fármacos, os efectos secundarios no paciente redúcense. 

A actividade de Nanogap esténdese á industria petroquímica. A meta é reducir as emisións de CO2 e desenvolver novas fontes de enerxía. Neste caso, os AQC utilízanse como catalizadores capaces de favorecer “a separación do hidróxeno e o osíxeno na auga” para poder utilizar o primeiro elemento “como nova fonte de enerxía”. Isto lograríase con enerxía solar, nunha sorte de fotosíntese artificial. A idea de futuro é valorizar así a auga contaminada. 

“Aínda queda percorrido, pero falamos de cambios disruptivos que acontecerán nos próximos dez anos e que se basean nas tecnoloxías que desenvolvemos”, prognostica a CEO.

 Fonte: El Progreso