A redución de emisións contaminantes procedentes dos sistemas de escape dos vehículos e o desenvolvemento de dous novos produtos alimentarios e biomédicos son os temas centrais dos proxectos galardoados nos Premios de Transferencia de Tecnoloxía en Galicia, que este ano chegan á súa terceira edición.
O certame está promovido pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), coa colaboración da Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta, para recoñecer as mellores prácticas de transferencia de coñecemento procedente dos organismos de investigación ao tecido produtivo.
O premio ao mellor traballo desenvolvido por un grupo de investigación aplicada, dotado con 6000 euros netos e unha axuda de 4000 euros para a formación dun dos investigadores, recaeu no Departamento de Enxeñería Agroforestal da USC, no Campus Terra de Lugo, en colaboración co enxeñeiro de industrias alimentarias Hiram Varela. O obxecto principal do proxecto é a posta en valor dun residuo gandeiro, o sangue procedente dos matadoiros, a través da súa transformación en fariña de alta calidade, cun amplo abano de usos que van dende a fabricación de pensos para animais, fertilizantes agrícolas e aditivos alimentarios ata cosméticos, pegamentos, extintores antiincendios e emulsións asfálticas.
Na categoría de pemes, o premio ao mellor caso de éxito empresarial de transferencia de tecnoloxía, dotado con 12.000 euros, correspóndelle a HGBeyond Materials Science. Esta spin-off desenvolveu, en colaboración co Grupo I+D Farma da USC, hidroxeis para a liberación de substancias activas no organismo. O seu primeiro desenvolvemento é unha lente de contacto capaz de liberar fármacos e outras substancias activas na superficie ocular.
O premio ao mellor caso de éxito de transferencia de tecnoloxía na categoría de grandes empresas recae en Borgwarner Emissions Systems Spain, filial española da multinacional Borgwarner. A colaboración co Grupo de Tecnoloxía Enerxética da Universidade de Vigo (UVigo) permitiulle á empresa desenvolver unha ferramenta innovadora para o deseño e validación dos sistemas anticontaminación en motores de combustión interna de vehículos que implantará en todas as fábricas que ten repartidas polo mundo. O premio para a empresa ten carácter honorífico, mentres que o grupo de investigación percibirá 6000 euros netos polo seu esforzo no campo da transferencia de tecnoloxía.
(Fonte: Innovamás)