A realidade virtual permitirá adestrar a profesionais sanitarios

Investigadores do Grupo de Modelado e Realidade Virtual da Universidade Rey Juan Carlos de Madrid publicaron un artigo no que describen a utilización dunha técnica, baseada nun algoritmo xeométrico, que permite adaptar a información anatómica dun paciente a unha determinada posición.

O dito algoritmo calcula dunha forma nova a influencia do movemento dos ósos no resto de estruturas anatómicas. Este traballo foi presentado no Congreso Español de Informática Gráfica 2015.

A novidosa técnica tamén podería empregarse noutros contornos, como en aplicacións destinadas á educación, á animación cinematográfica e aos efectos especiais

O obxectivo principal desta técnica é aplicala á creación de modelos de pacientes virtuais en posicións específicas para crear unha base de datos que recolla as variacións anatómicas típicas. Este sistema forma parte do traballo que o grupo de investigación está desenvolvendo dentro do proxecto Simulador e Asistente de Anestesia Rexional (RASimAs).

No dito proxecto, os diferentes grupos que o compoñen están deseñando un simulador, para adestrar a anestesistas sen experiencia na práctica da anestesia rexional, e un asistente, que os guíe durante a práctica do procedemento. Este proxecto está financiado polo 7º Programa Marco da Unión Europea e coordinado polo centro Uniklinik RWTH Aachen (Alemaña).

Concretamente, o grupo de investigación español é o encargado de liderar, entre outras tarefas, o paquete de traballo que desenvolve a tecnoloxía de simulación que se integrará no núcleo do adestrador.

Sistemas útiles para adquirir destreza

Os sistemas de adestramento baseados en realidade virtual están cobrando cada vez maior relevancia no ámbito dos profesionais sanitarios, xa que son de grande utilidade á hora de adquirir destreza práctica en determinadas ferramentas médicas.

Non obstante, o seu uso non está limitado a este colectivo profesional e, aínda que non é o propósito concreto deste proxecto, a nova técnica tamén podería empregarse noutros contornos, como en determinadas aplicacións destinadas á educación, á animación cinematográfica e aos efectos especiais.

(Fonte: SINC)