A primeira promoción de enxeñeiros aeronáuticos galegos sairá do campus de Ourense en 2020

A implantación do grao de Enxeñería Aeroespacial no campus de Ourense é xa unha realidade. A titulación, para a que se aprobaron 50 prazas en primeiro curso, empezará a impartirse en setembro no campus de Ourense.

Xusto un ano despois de que se constituíse a xunta de titulación que elaborou o plan de estudos, a Xunta e a Universidade de Vigo presentaron formalmente estes estudos que, segundo o reitor Salustiano Mato, dotarán de “músculo” ao incipiente sector aeronáutico e aeroespacial galego. O presidente autonómico, Alberto Núñez Feijoo, engadiu que o título converterá a Ourense no “vértice da formación e a captación de talento” deste novo tecido industrial galego.

Tanto Feijoo como Salustiano Mato cualificaron este día de “histórico” para o campus de Ourense, para a Universidade de Vigo e para Galicia, xa que o título é exclusivo no sistema universitario galego e só se imparte en 10 centros en toda España. O plan de estudos estrutúrase en catro anos, polo que a primeira promoción de enxeñeiros aeronáuticos galegos sairá de Ourense en 2020.

Serán profesionais e investigadores que impulsarán un novo tecido produtivo en Galicia, indicou Feijoo, no que Ourense constitúe “a porta pola que entre o talento para o noso sector aeronáutico”. Durante a súa intervención, Feijoo afirmou que Galicia está a apostar con firmeza polo desenvolvemento dun polo aeronáutico e aeroespacial que terá a forma dun triángulo con tres vértices: o das empresas, o industrial e o do talento. Nesta liña, explicou que Nigrán (Pontevedra) albergará o núcleo do sistema de intercambio de tecnoloxía. Alí terá unha sede Inaer, que é unha das principais empresas do sector, e constituirase tamén a unidade de instrución e formación de operadores de sensores. O outro vértice estará en Rozas (Lugo), no Centro de Investigación Aerotransportada, que acollerá un parque industrial e tecnolóxico de sistemas aéreos non tripulados para uso civil (drons). E, o último vértice, o da formación e a captación de talento, estará en Ourense, onde se impartirá o grao en Enxeñería Aeroespacial.

Tamén destacou o labor da UVigo, e o seu compromiso co coñecemento aeroespacial a través do traballo dos enxeñeiros do grupo de picosatélites que opera xa coa Axencia Espacial Europea e coa NASA. Entre os asistentes estaba Fernando Aguado, director da Agrupación Aeroespacial da UVigo, que tivo un papel destacado na elaboración do plan de estudos.

O reitor Salustiano Mato explicou que este novo grao se deseñou tendo en conta o tecido empresarial e produtivo galego e as súas necesidades. Polo tanto, precisou, “é unha aposta que facemos dende a universidade para toda Galicia”. O alcalde, Jesús Vázquez, que participou no inicio deste proceso como conselleiro de Educación destacou a “aposta clara” da Xunta e da UVigo por “fortalecer un campus periférico que ademais foi o primeiro en aprobar un proxecto de especialización, o Campus da Auga”.

(Fonte: Faro de Vigo)