A primeira casa fabricada con impresoras 3D está en Holanda

Un estudo de arquitectos de Holanda está a utilizar impresoras 3 D para construír a primeira casa con esta tecnoloxía. Os responsables do proxecto explicaron que as vantaxes das impresoras 3D poderían conseguir que sexan o futuro do sector da construción.

As impresoras 3D cada vez son máis comúns e pouco a pouco vanse atopando novos usos para elas. Nos últimos meses víronse interesantes aplicacións médicas para este tipo de dispositivos, pero o seu campo de desenvolvemento parece que non se deterá aí.

O último é a súa utilización como ferramenta para a construción. Foi o estudo de arquitectura holandés DUS o encargado de acometer o proxecto. Trátase dun edificio no norte de Amsterdam que estará construído con pezas de plástico xeradas mediante impresoras 3D.

O proxecto ten unha data de realización estimada para tres anos, aínda que os traballos xa comezaron. Construíronse 3 metros do futuro edificio, que contará con 13 cuartos e será o primeiro destas características.

Os responsables do proxecto explicaron que a utilización de impresoras 3D pode ser o futuro do sector da construción. “A industria da construción é unha das máis contaminantes e ineficientes. Coas impresoras 3D hai cero residuos, redúcense os custos de transporte a cero e todo pode ser fundido e reciclado. Isto podería revolucionar a forma na que facemos as nosas cidades”, comentou o membro de DUS Hedwig Heinsman en declaracións a The Guardian.

(Fonte: Europa Press)