Representantes da Universidade de Vigo, da Tecnópole e do tecido empresarial da provincia de Ourense presentaron a convocatoria aos estudantes. A finalidade desta preincubadora é “que todas as ideas que se xeren dentro da Universidade teñan a axuda necesaria para que desemboquen en iniciativas empresariais a través do asesoramento e apoio de diferentes institucións e que poidan acabar converténdose nunha empresa”, como asegurou durante a presentación a directora da área de Emprego da Universidade, Adela García-Pintos.
A directora financeira do Parque Tecnolóxico de Galicia, Luisa Pena, animou aos universitarios a presentar as súas ideas como primeiro paso para integrarse nunha comunidade de talento de excepción, “na que se combinan a transferencia de coñecemento desde a Universidade e a oferta de servizos especializados no apoio ao emprendemento da Tecnópole”. Pena lembrou que os emprendedores non só acceden a un espazo onde traballar no Parque Tecnolóxico, senón que contan con acceso a asesoramento experto, actividades de networking e instalacións científico-técnicas como o laboratorio de biotecnoloxía.
Prazo ata o 19 de xaneiro
A esta convocatoria poderán presentarse todos os alumnos e alumnas matriculados en calquera tipo de titulación da Universidade de Vigo, sexa grao ou master, e aqueles egresados que remataran os seus estudos do curso 2011/2012 en adiante.
A solicitude pode facerse de xeito individual ou en grupos de ata catro persoas dun mesmo ámbito do coñecemento ou multidisciplinar. A cambio recibirán non só un espazo físico para a súa empresa durante un ano e sen custe algún (cos gastos de auga, luz, teléfono e internet pagados), senón que tamén terán asesoramento e formación continuas por parte de expertos “que revisarán con frecuencia o voso plan de negocio para que cando busquedes financiamento externo os banco vexan que é un proxecto viable dende o primeiro momento”, sinalou García-Pintos.
Os interesados poderán presentar a súa solicitude a través da área de Emprego e Emprendemento da Universidade ata o 19 de xaneiro. A selección farase en dúas fases que inclúen unha entrevista persoal e na que o xurado valorará sobre todo “a implicación, que se teñan gañas de emprender, porque crear un negocio é un traballo duro pero emocionante e ter esa ilusión é o máis importante”, recalcou García-Pintos.
Estes premios “son unha oportunidade para todo o alumnado”, segundo destacou o vicerreitor do campus de Ourense, Virxilio Rodríguez. “Estamos vivindo tempos complicados para buscar saídas profesionais no momento no que se rematan os estudos, pero o que non pode ser é que quedemos laiándonos. Os premios Incuvi-Emprende pretenden ser unha fiestra de oportunidades que a nós como administración correspóndenos abrir e a vós como estudantes aproveitar”, recalcou.
Implicación do tecido empresarial ourensán
Pola súa banda, a directora adxunta de Expourense quixo transmitir aos estudantes presentes a importancia de entender este recinto como “un espazo para testear un produto ou unha idea no mercado, dalos a coñecer cara a cara nas feiras de diferentes ámbitos que se realizan ao longo do ano”.
Na presentación tamén participaron representantes do resto entidades que colaboran cos premios, como Victoria Rois, secretaria xeral da Cámara de Comercio de Ourense; Rubén Vázquez, técnico económico da Confederación de Empresarios; Lois Babarro, presidente da Asociación de Jóvenes Empresarios de Ourense; e Nuria Iglesias, integrante de Trend On Me, unha das iniciativas empresariais que actualmente ocupa un niño na preincubadora da Tecnópole.